Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Cara os EUA

O Barça négase a voar con Air Berlin

A compañía relaciona esta decisión coa polémica que se creou este ano, cando a aeroliña se negou a empregar o catalán nos seus voos.

Redacción - 11:30 01/08/2008
O director xeral de Air Berlin, Joachim Hunold

O director xeral de Air Berlin, Joachim Hunold

O FC Barcelona negouse a coller, esta quinta feira, un voo de Pisa (Italia) a Chicago (EUA) da compañía LTU, pertencente á aeroliña Air Berlin, aínda cando tiñan pagados os gastos. O clube optou por se desprazar nun voo chárter doutra compañía, Pullmantur.

O director xeral de Air Berlin para o Estado Español e Portugal, Álvaro Middelmann, cre que o cambio de compañía por parte de Barça é debido á negativa da súa aeroliña de empregar o catalán nos seus voos. O Barça non se pronunciou aínda sobre o tema.

Unha compañía polémica
O pasado mes de xuño, o director xeral de Air Berlin, Joachim Hunold, publicou unha editorial (en .pdf, mais en alemán) na revista da compañía na que ridiculizaba o uso do catalán en Mallorca, en resposta a unha petición formal do goberno balear de empregar esta lingua nas comunicacións da compañía.

No seu texto, Hunold dicía que hoxe o castelán xa non é unha lingua oficial en Mallorca, que hai nenos que non saben falalo e que a partición de España en nacionalismos rexionais é un regreso aos reinos medievais. Tamén ironizaba e preguntábase se a partir de agora tería que lles dar cursos de catalán aos seus empregados: "Até o de agora eu estaba orgulloso de tener nos voos internos de España, polo menos unha auxiliar de voo a bordo que falase español. Téñolles que dar agora cursos de catalán por decreto aos meus empregados? E os que voan a Galiza ou a Euskadi, quererán que nos dirixamos a eles en galego ou en éuscaro? É que xa non falan o español?".

Naquela altura tamén se pronunciaba a responsábel de prensa da compañía, Ana Baschwitz, quen dicía que compartía as palabras do seu director xeral, salientando que o catalán, o éuscaro e o galego son linguas innecesarias nas comunicacións da compañía, porque todo o mundo entende o español.

"Benvingut senyor Hunold!"
A polémica xerada por esta editorial tamén chegou a Alemaña, onde os medios de comunicación destacaron, durante as primeiras semanas de xuño, o boicot que se creou contra a empresa alemá, e mesmo a inclusión dunha esvástica, en sinal de protesta, no logo de Air Berlin.

A edición alemá do Financial Times mesmo publicou, naquela altura, un artigo titulado en catalán, cun expresivo Benvido, señor Hunold! ("Benvingut senyor Hunold!"). Na entradiña o rotativo era aínda máis claro: "Os cataláns están cabreados porque na revista da aeroliña, o xefe de Air Berlin, fai bromas coa súa lingua". A seguir, lembran que no Estado Español a lingua é un tema delicado, e que o director xeral de Air Berlin debera telo pensado mellor antes de botar a lingua a pacer.


Ligazóns

4,94/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: