A selección que dirixe o salmantino Vicente del Bosque xogará na Coruña un partido da fase de clasificación para o mundial de 2010.
Vicente del Bosque, adestrador da selección española
A Federación Española de Fútbol (RFEF) celebrou este venres unha reunión da súa xunta directiva na Coruña e, entre outras medidas, desta xuntanza saíu a decisión de que a selección estatal dispute un partido no país, no ocaso do vindeiro verán. O encontro xogarase no estadio de Riazor, o sábado 5 de Setembro e nel a selección que dirixe Vicente del Bosque enfrontarase a Bélxica.
O partido corresponde á fase de clasificación para o mundial do ano 2010, na que a selección estatal lidera claramente o seu grupo con 18 puntos e avantaxa en seis ao segundo clasificado, que é Bosnia -Herzegovina. Será o primeiro partido que o actual campión de Europa xoga en Galiza despois do empate a cero goles que firmara con Brasil no campo de Balaídos, o 13 de novembro do 1999.
Cúmprese así unha vontade do actual Goberno
Esta decisión responde a unha petición da Federación Galega co gallo de celebrar o seu centenario, máis cumpre tamén unha vontade que leva tempo reivindicando o PPdeG. Así, fai pouco máis de un ano o Partido Popular levara ao parlamento unha iniciativa legal na que se recollía a petición de que a Xunta fixera as xestión necesarias para traer a selección española a Galiza. A proposta fora entón rexeitada por PSdeG e BNG.