O PSdeG e mailo BNG votaron en contra. A bandeira co touro de Osborne tamén se mencionou nunha xornada retranqueira no Parlamento.
O bipartito galego, PSdeG e BNG, votaron esta sexta feira en contra dunha iniciativa do PPdeG para reclamar que a Xunta fixese as xestións precisas para que a selección española de fútbol xogase un partido no noso país.
A proposición non de lei, debatida na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento foi corrixida por socialistas e nacionalistas, que avogaban por facilitar o uso das instalacións do Goberno Galego para todo tipo de encontros internacionais de todas as modalidades deportivas.
Porén, o autor do texto non aprobado, Ignacio López-Chaves (PPdeG), rexeitou a modificación feita polo bipartito e cargou contra o PSdeG, posto que, ao seu ver, este partido estaría de acordo coa súa iniciativa, de non ser polo acordo que ten co Bloque, que lle impide apoiala.
"Esperaba que comparecese vostede coa bandeira do touro de Osborne"
Antes, Xosé Ramón Paz Antón (BNG) e María Carmen Acuña (PSdeG) tiñan criticado con retranca a proposta da oposición, describíndoa como "extravagante".
"Esperaba que comparecese vostede coa bandeira do touro de Osborne", díxolle Paz Antón a López-Chaves, ao tempo que lle lembraba que as administracións públicas non teñen competencias para pedir a celebración de partidos internacionais.
Para Paz Antón, esta iniciativa do BNG era un tento de "procurar titulares", e suxeriulle un para "a prensa de Madrid" de mañá: "a culpa de que España non pase dos cuartos de final é dos nacionalismos".
Paz Antón terminou dirixíndose aos deputados populares dicindo que cada vez que se defende a Galiza "o PP sente a necesidade de defender a España".