Xunto cos nacionalistas, xa denunciaran no Parlamento que o Executivo non cumpre a cota do 40% de mulleres que indica a Lei de Igualdade.
Segundo a primeira denuncia feita por PSdeG e BNG, o Consello da Xunta -formado polo presidente, o vicepresidente, no seu caso, e os conselleiros e conselleiras-, non cumpre a Lei de Igualdade, que sinala que o 40% dos integrantes deben de ser mulleres: as catro conselleiras de Feijoo só representan o 36% do Executivo. Por este motivo, ámbolos dous grupos volveron sumar os seus votos esta terza feira no Parlamento, para pedirlle a Feijoo que rectifique, mais os 38 deputados populares frustraron o seu intento.
Neste sentido, o grupo do PSdeG, segundo anunciou o seu voceiro, Xaquín Fernández Leiceaga na Cámara, ten intención de recorrer ante a xustiza, xa que o sistema de control político non deu resultado.
No debate previo, houbo un momento de desencontros, cando o vicevoceiro do PPdeG na Cámara, Antonio Rodríguez Miranda dixo que o cumprimento da Lei de Igualdade é "algo simbólico", cousa que molestou as bancadas da oposición.