Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PRAZA DA QUINTANA ENCHEUSE DÚAS VECES

Manifestación histórica en defensa da lingua

Avelino Pousa Antelo, Teresa Moure, Iolanda Castaño e Nemésio Barxa leron o manifesto e exixiron a 'igualdade de dereitos para o galego'. Video no interior.

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 15:59 17/05/2009

"Agora tócalle a Núñez Feijoo mover ficha", dixo Carlos Callón ao remate dunha manifestación histórica e masiva que reuniu en Compostela a ducias de milleiros de persoas, "non menos de cincuenta mil", segundo o responsábel da Mesa, e máis de vinte mil segundo a policía. Parece que neste 17 de maio vén de comezar unha batalla para defender os dereitos dos galegofalantes a usar a súa lingua, unha batalla que durará moito e que terá episodios intensos, na rúa, nos medios e nas institucións. "O importante é que esta mensaxe lle chegue ao presidente da Xunta, e que se decida a cumprir a lei. Agora tócalle mover ficha ao señor Núñez Feijoo, e estaremos moi atentos nos vindeiros meses, e se non modifica a súa actitude, volveremos saír á rúa, e xa non será na Quintana, senón no Obradoiro. E non imos dar nin un paso atrás" advertiu Callón.

Choveu, escampou, volveu chover e mesmo brillaron raiolas de sol nesta mañá en Compostela. O tempo parecía aquel poema de Xosé María Díaz Castro de Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Un pouco como a normalización da lingua, ameazada dende a vitoria do PP no 1 de marzo polas ameazas de Núñez Feijoo que cumprir os compromisos adquiridos con grupos de presión como Galicia Bilingüe, como por exemplo anular o decreto do ensino aprobado pola Xunta bipartita. Xente, moita xente, tanta que as peaxes da AP9 sufriron retencións de máis dun quilómetro na entrada de Santiago, e tanta que cando a manifestación estaba chegando á Quintana, aínda había moita xente que non saíra da Alameda. Nenos, moitos nenos, que abrían a marcha e que foron os grandes protagonistas até que comezaron os discursos.

"Hai que lembrarlle ao goberno galego que teñen a obriga de defender e promover a lingua, que é a lingua propia do país, segundo o Estatuto. Núñez Feijoo está empeñado en opoñer a normalización da lingua e os dereitos civís, como se fosen contrarios. Pois ben, os galegofalantes tamén somos persoas e tamén temos dereitos individuais, o dereito a vivirmos en galego en todos os ámbitos da sociedade, algo que agora non se cumpre. Xa hai consenso sobre a lingua, está na lei; agora é o Goberno o que ten que entrar nel", dixo Carlos Callón no palco da Quintana, onde estivo acompañado por Teresa Moure, Nemésio Barxa, Iolanda Castaño e Avelino Pousa Antelo (con diferenza, o máis aplaudido), que leron o Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, asinado por máis de vinte mil persoas. Tan pequena ficou a praza da Quintana, que o manifesto tivo que ser lido dúas veces, unha vez que un segundo grupo de manifestantes volveu encher o lugar.

Bragado: "A solución está na vontade que teña a cidadanía galega"
Para Manuel Bragado, director de Xerais, "a solución está na vontade que teña a cidadanía galega, a que se está vendo hoxe. Despois de semanas dun certo abatemento, temos unha xanela de luz para o futuro. O futuro dunha lingua que ten que ser a de todos, e que non pode ser monopolizada por ninguén máis que polos seus propios usuarios". A este respecto, Carlos Callón engade que "o outro día Núñez Feijoo dicía que quería 'defender o galego' de quen se apropiaba del, e con iso estaba referíndose a todas as persoas que están hoxe nesta manifestación. Pois ben, queremos que el se apropie da lingua e que a defenda, e defendela non significa poñer a man no corazón e dicir un verso, significa defendela coa lei". Bragado é optimista: "Hai un retroceso na posición galegófoba de Núñez Feijoo, dende as súas primeiras declaracións até o nomeamento de Anxo Lorenzo. Agardo que, continuando coa presión, retire os compromisos galegófobos que asumiu. No vindeiro ano teremos que reconstruír o consenso ao redor do decreto do ensino, que é indispensable".

Para o escritor Antón Dobao, o ensino é un ámbito fundamental para normalizar o uso da lingua, pero non é o único: "Eu creo que a clave é a familia en primeiro lugar, porque é o principal vehículo de transmisión, e unha lingua que non se transmite é unha lingua con problemas. Pero por suposto o ensino é o primeiro ámbito de socialización dos nenos. Neste momento unha parte da escola en Galiza ten un efecto castelanizador: hai moitos nenos que entran falando galego e saen falando castelán. Ese é un problema ao que ningún poder público pode pechar os ollos. O ámbito do ensino é fundamental, pero tamén o é o dos medios de comunicación, e o da administración, e os distintos modos de expresión cultural".

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considerou o acto como "un aviso de milleiros de persoas que lle din ao PP que ten que dar marcha atrás nesa política de acabar definitivamente co idioma galego", polo que lle pediu ao PPdeG que "modere esas posicións radicais que adoptou desde un primeiro momento". Pola súa banda, Manuel Rivas salientou que "unha lingua só nace unha vez, é un don marabilloso que lle pertence ao mundo". Así mesmo, advertiulle ao Goberno que a defensa do galego é a súa "obriga". Finalmente, Iolanda Castaño celebrou que Galiza sexa "un pobo que non quiere ver desaparecer a lingua, o seu patrimonio, un tesouro que sostén entre as súas mans" e salientou que "deberon participar na manifestación xentes de todas as cores políticas".

E xa que estamos no 17 de maio, día das Letras dedicado a Ramón Piñeiro, pódese lembrar o que o de Láncara escribiu no nº 42 de Grial, en 1973, a propósito do futuro do galego naquela altura: Esta é a gran batalla que agora está librando o galego: a conquista da plenitude cultural, e con ela, a conquista da Galicia urbana. quere dicir: a conquista do futuro. 36 anos despois seguimos un pouco nas mesmas: Un paso adiante i outro atrás, Galiza, que diría o outro. Hoxe deuse, sen dúbida, un paso adiante.


4,82/5 (101 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: