O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia cualificou de "boa" a iniciativa anunciada polo goberno español, pero dixo que é unha medidas "de escaso alcance".
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, asegurou este mércores que a rebaixa de cinco puntos na tarifa do imposto de sociedades anunciada polo presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, é "boa" pero afectará "a moi pouquiña xente". "É unha boa medida pero de escaso alcance", dixo.
Fontenla sinalou, en declaracións aos medios tras participar nunha xornada sobre o Mercado Alternativo Bolsista, que os empresarios están estudando esta medida porque "é unha novidade" e adiantou que, segundo as noticias da Confederación de Pequenas e Medianas Empresas (Cepyme), serán "poucas" as pemes que cumpran os requisitos --menos de 25 traballadores e unha facturación que non supere os 5 millóns de euros-- tanto no Estado Español como en Galiza.
En canto á redución de deducións fiscais por compra de vivenda para 2011, Fontenla considerou "importante" dar pasos para incentivar a compra, pero censurou a proposta de Zapatero, pois este impulso non debe ser, dixo, "a base" de dicir "ou compras nestes dous anos ou despois remata a axuda". Ao fío diso, apostou por facer un "mercado importante de aluguer" e manifestouse a favor de "todo o que sexa axudar" neste sentido.
Ademais, pediu que os investimentos do novo fondo local de 5.000 millóns de euros anunciado polo presidente do goberno español se faga "con máis rigor e sexan máis útiles" que as acometidas até o de agora e recordou a súa petición de que se apoie aos concellos para que paguen "as débedas que teñen cos construtores".
Para rematar, Fontenla asegurou recoñecer nalgún discurso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, algunha das propostas remitidas polos empresarios. Así, indicou que ten pendentes reunións con catro conselleiros e que espera a chamada "en calquera momento" do mandatario galego para unha entrevista.