Se a Câmara de Lisboa non lles permite volver ao Palácio dos Marqueses de Tancos, o seu centro de operacións habitual, a estrutura da compañía podería mudarse a Galiza.
Logo da CDL
O director da Companhia de Dança de Lisboa (CDL), José Manuel Oliveira, asegurou este domingo que a sede da mesma podería trasladarse a Galiza, posibelmente á cidade de Vigo, se a Câmara de Lisboa non permite que poidan regresar ao Palácio dos Marqueses de Tancos.
Oliveira garantiulle ao xornal portugués Público, que xa houbo "contactos informais" para instalar a sede da CDL en Galiza, e que estes contactos poderíanse tornar "máis formais", no caso de que nas vindeiras eleccións municipais non cambien as cousas na Câmara de Lisboa. "Os habitantes de Vigo acostuman dicir 'somos de Vigo, capital Lisboa', o que proba a relación moi especial que hai entre as dúas cidades", acrecentou Oliveira. "A CDL non ten fronteiras. A nosa sede pode estar en calquera lugar, o noso traballo é importante onde somos ben recibidos, e en Galiza temos sido moi ben recibidos", afirmou o director desta compañía.
Porén, as palabras de Oliveira tiñan un ton de chantaxe, xa que el mesmo volveu recalcar que a CDL "aínda non desistiu" da súas arelas por volver ao Palácio dos Marqueses de Tancos, onde estivo durante 20 anos, até novembro de 2007, cando tivo que abandonar a súa histórica sede por un mandato do concello lisboeta, ante "o perigo inminente de catástrofe", debida ao estado do predio. O espazo ocupado pola CDL neste palacio do século XVI, servía tamén de vivenda para sete bailaríns da compañía e un garda, que tamén foron desaloxados nesta ocasión, que o director cualificou de "unha especie de asalto nazi". Porén, Oliveira manifestou as súas arelas de resolver a situación, lembrando que a compañía ten a concesión do predio, onde gastaron máis de 400 mil euros en reformas, até 2013.