Familias da comarca compostelá amosaron a súa preocupación pola derrogación do decreto e aseguraron que se manifestarán o 17.
Un colectivo de arredor de 80 persoas, entre nais, pais, fillas e fillos, concentráronse este sábado perante o Museo do Pobo Galego, en Compostela, para pedirlle ao Goberno que manteña ou mellore a cobertura legal do galego no ensino.
Nun comunicado, a agrupación, formada principalmente por persoas da bisbarra compostelá, amosou a súa preocupación pola "violencia coa que certos grupos de poder falan da nosa cultura e da nosa lingua" e expresou o seu convencemento de que "a sociedade galega é pacífica, é aberta, é extensa máis alá das súas fronteiras".
"Estamos orgullosas e orgullosos da lingua de Galiza", engadiron, coa intención de que as nenas e nenos "tamén se poidan sentir orgullosos do galego". A agrupación, formada de "xeito espontáneo", amosou o seu malestar pola anunciada retirada do decreto do ensino e anunciou que participará na manifestación do 17 de maio na capital do país.