Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ASEMBLEA EXTRAORDINARIA

BNG: Cinco días para saír da encrucillada

Os militantes da principal organización nacionalista do país terán que escoller este domingo entre catro listas ao Consello Nacional. Quen é quen?

R.V. - 20:30 06/05/2009

O Bloque Nacionalista Galego está atoado dende o pasado 1 de marzo. Aquela noite o Bloque vía saltar polos aires o bipartito e como quedaban polo camiño corenta mil votos nacionalistas. Logo do atordoamento dos primeiros días, a crise interna estaba cantada. Finalmente van ser catro as candidaturas que loiten polos 50 postos do Consello Nacional e, nun seguinte paso, polos 15 que conforman o máximo órgano de dirección do BNG: A Executiva Nacional. Pero quen é quen?

-”Alternativa pola Unidade”
: A plataforma que lidera o concelleiro pontevedrés Guillerme Vázquez orbita arredor da Unión do Povo Galego (UPG). Logo da derrota electoral de marzo, que dinamitou o pacto co “quintanismo”, os de Francisco Rodríguez acoden unicamente con militantes independentes como compañeiros de viaxe. Ningún partido ou corrente organizada participan do proxecto da Alternativa pola Unidade.

Nos vinte primeiros postos da lista, acompañando a algúns independentes, están os principais “pesos pesados” da UPG tanto da vella como da nova garda: Guillerme Vázquez; Ana Pontón; Francisco Jorquera; Rosana Pérez Fernández; Manuel Polo Gundín; Manuela García Freire; Alberte Ansede; Paz Abraira; Gonzalo López Pérez; Iolanda Veloso Ríos; Bieito Lobeira; Tareixa Paz; Francisco García; Montserrat Prado; Roberto Vilameá; Milagres Lantes Seara; Francisco Rodríguez; Iria Aboi; Alberte Souto; e María Xosé Bravo. (Ver lista completa)

Logo do fracaso electoral, internamente, a UPG chegou á conclusión de que boa parte da culpa do sucedido tiña que ver co “excesivo” peso do líder (Anxo Quintana). O cabeza visíbel da Alternativa pola Unidade deixaba moi clara esta teoría na entrevista con  Vieiros: “Son partidario de que na nova dirección pese máis o colectivo e menos o individual”. Esta plataforma promete un xiro cara a esquerda dun BNG que teña especialmente presente a “clase traballadora” e a pequena empresa do país.

-”Máis BNG”. O noutrora chamado “quintanismo” ensaia agora unha nova fórmula que lle permita voar con autonomía dentro da constelación do Bloque. A candidatura liderada por Carlos Aymerich, sumáronse, canda independentes, colectivos e partidos como Espazo Socialista Galego, Inzar ou PNG-PG.

Os primeiros postos da candidatura ao Consello Nacional ocúpanos: Carlos Aymerich; Teresa Táboas; Manuel Antelo Pazos; Sandra González; Xosé Manuel Pérez Bouza; Neves Cando López; Xoán Carlos Bascuas Jardón; Dominga Brión; Edelmiro López Iglesias; María Xosé Méndez Piñeiro; Francisco Xabier Verea Argibay; Ana Luísa Bouza; Iago Tabarés; Belén Pazos; Xosé Luís Barcia; Anxo Quintana; Ana Belén Bande; Xosé Carballido Presas; Alicia Cadarso; e Xesús Veiga. (Ver lista completa)

Máis BNG considera que pode ter máis do 30% dos votos dos delegados, o que lle permitiría presentar unha lista propia á Executiva Nacional e poñer en serios apretos á Alternativa pola Unidade, que foi a plataforma que logrou máis delegados nos procesos comarcais. A candidatura que encabeza Aymerich defende un BNG que estea “por riba” dos partidos que o conforman e que sexa quen de establecer dinámicas políticas á marxe dos mesmos. O voceiro parlamentario do BNG, que se define como “nacionalista de esquerdas”, defende a experiencia institucional dos últimos anos para afrontar o futuro. Considera que un obxectivo prioritario é o de abrir o Bloque multiplicando a militancia actual (oito mil afiliados).

O Encontro:
Xosé Manuel Beiras, histórico dirixente do BNG na década dos 80 e 90, é o motor desta plataforma. Nucleados arredor do colectivo Encontro Irmandiño aspiran a “refundar” o Bloque. Aínda que nun primeiro momento participaron nas Listas Abertas comarcais canda outros colectivos críticos coa dirección oficial, finalmente a candidatura ao Consello Nacional está conformada basicamente por militantes irmandiños.

Os vinte primeiros postos ao Consello Nacional son: Xosé Manuel Beiras; Mónica Díaz Carrodéguas; Xosé Constenla; Lidia Senra; Mario López Rico; Vanesa Garrido Blanco; Martiño Noriega; Concha Trigo; Luis Eyré; Iolanda Pérez; Xavier Toba; Margarida Martíns; Carlos Méixome; Ramón Mouriño; Manoel Santos; Salomé Álvarez Blanco; Benedito Álvarez García; Xosé Manuel Taboada Suárez; Antonia Alcalde; e Laura Ogando. (Ver lista completa)

A plataforma que encabeza Beiras aposta por unha Executiva plural que “reoriente” o BNG cara a esquerda e profundice nas teses nacionalistas. Dende O Encontro defenden a plena validez do modelo frontista e reivindican un maior traballo conxunto cos diferentes colectivos sociais. Consideran que a dirección intentou converter o BNG nun partido convencional afastado dos seus postulados fundacionais.

-”Máis Alá”: A última das plataformas que anunciou unha lista ao Consello Nacional está impulsada polo Movemento Galego ao Socialismo (o sector do antigo Movemento pola Base que decidiu seguir dentro do BNG). Aínda que non trascenderon todos os nomes da candidatura, está confirmado que Rafa Villar será o cabeza da lista e Noa Presas a número dous. Na mesma lista figuran militantes destacados da CIG como é o caso de Paula Castro, Manuel Mera ou Antolín Alcántara.

A cuarta candidatura encarna a liña máis soberanista e de esquerdas das que agora mesmo conforman o BNG. “Máis Alá” pide que o Bloque reivindique “sen complexos” o dereito á autodeterminación e móstrase crítico co papel do nacionalismo no Goberno.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Guillerme Vázquez, na presentación da candidatura da Alternativa pola Unidade
Guillerme Vázquez, na presentación da candidatura da Alternativa pola Unidade
Carlos Aymerich con dirixentes de 'Máis BNG'
Carlos Aymerich con dirixentes de 'Máis BNG'
Beiras considera que o domingo o BNG debe camiñar cara a súa "refundación"
Beiras considera que o domingo o BNG debe camiñar cara a súa "refundación"
Rafa Villar encabeza a lista de "Máis alá"
Rafa Villar encabeza a lista de "Máis alá"