Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Guillerme Vázquez, candidato á portavocía do BNG

"Son partidario de que na nova dirección pese máis o colectivo e menos o individual"

O concelleiro pontevedrés, que lidera a Alternativa pola Unidade, defende a validez do modelo frontista e considera precisa unha viaxe cara a esquerda.

R.Vilar (texto)/ Isabel G.Couso (vídeo) - 10:30 21/04/2009
Tags: Asemblea BNG

Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952) recibe a Vieiros no local que o BNG ten no centro de Pontevedra. A entrevista, realizada a mediados da semana pasada, transcorre con fluidez. Vázquez, que se licenciou en Medicina pero logo optou polo ensino, é concelleiro do goberno local. Tan axiña como se apaga a gravadora saca un paquete de tabaco negro e fala de xeito distendido. A Unión do Povo Galego pediulle que encabezase a lista da Alternativa pola Unidade, unha das tres que competirán na Asemblea Nacional extraordinaria de maio. A historia ten datos curisosos: Vázquez coincidiu como deputado en Madrid co secretario xeral da UPG, Francisco Rodríguez, e con outro dos aspirantes a liderar o Bloque: Carlos Aymerich.

-Vieiros: O PSdeG e o BNG fixeron unha das cousas máis difíciles en política: Perder á primeira. Os coches oficiais fixeron perder a perspectiva?

-Eu dende logo son dos que comparto todo o que fixo o BNG no sentido de que o que se fixo foi por unha decisión maioritaria e colectiva. Creo que se fixo un papel razoábel no Goberno, unha boa xestión. O que seguramente si tivemos foi pouca capacidade de transmitir o que se estaba facendo. En calquera caso, dos gobernos éntrase e sáese. A min preocúpame bastante máis o feito de ter perdido apoio electoral.


-Dende a súa fundación, os dirixentes do BNG sinalan decote que esta formación é a mellor ferramenta coa que conta o pobo galego, pero...a ver se vai ter razón Feijoo cando di que o PPdeG é o partido que máis se parece ao país...


-Se seguimos todos esa tese daquela case era mellor que nos meteramos no Partido Popular, naturalmente na ala galeguista. En serio, nós somos nacionalistas de esquerda, temos a nosa definición do que queremos para este país, outra cousa é que teñamos o apoio maioritario. Pero, loxicamente, aspiramos a transformar o país para un día poder telo. O nacionalismo en Galiza nunca foi unha forza hexemónica, dende o punto de vista social mais todos estes anos foise asentando unha base social que si que nos está apoiando e que si cre que Galiza merece ter unha posición propia no Estado. Non somos nin mellores nin peores ca ninguén pero somos nós.

-As estatísticas son frías e teimudas. Estas mesmas sinalan que o Bloque vén pinchando nas eleccións ao Parlamento de Galiza dende 1997. É evidente que neste tempo non funcionaron os parches. Que precisa o BNG para recuperar a confianza do electorado?


Nós tivemos os mellores resultados á altura que vostede di. Tamén é verdade que nunhas circunstancias políticas moi concretas, pero, en calquera caso, as forzas políticas teñen mellores e peores resultados. O que si creo é que hai unha parte da sociedade galega que mira para o BNG, espera de nós que teñamos un perfil nídio e que deamos unha imaxe de unidade e que fagamos propostas. Estamos nun novo contexto político, non só porque sairamos do Goberno tamén polo que vostede di (perda de votos). Por tanto, fagamos todos os esforzos para recuperalos. Hai dúas cuestións básicas. Por un lado saber o marco político no que nos movemos: preparar a organización para mellorar a súa democracia interna, facer máis debate colectivo, que entre máis xente que quere a transformación do país e perfilemos o noso discurso político. Lembremos que estamos nunha situación de crise económica, de ataque furibundo do españolismo e da dereita. Con alternativas claras e estando coa sociedade, a pé de obra, intentaremos recuperar esa confianza. Temos que ser nacionalistas e de esquerdas e, naturalmente, alternativos ao bipartidismo. Este é o perfil de moita xente que está arredor do Bloque espera, que saïa do esimismamento e recupere o traballo social.

-Vostede quere substituír a Anxo Quintana. Que copiaría do de Allariz e que cousas nunca imitaría?

-Eu son partidario de que na nova dirección pese máis o colectivo e menos o individual. Dixen que asumo todo o que fixo o BNG noutros momentos. Outra cousa é que que consideremos que se precisan retoques na liña. Logo, cada persoa ten o seu propio estilo.

-Na exposición de motivos, a súa candidatura subliña que hai que converter os militantes en actores. Isto último é tamén unha das críticas fundamentais dos seus rivais...

-Eu sei o que fixen sendo responsábel comarcal en Pontevedra e teño claro o que faría no futuro. A afiliación do BNG ten que estar moito máis en contacto coa dirección. Hai que estar nas asembleas comarcais e escoitar. Eu isto vouno facer. Claro que teñen que ser máis actores e non simples transmisores. A xente ten que participar máis. Xa sei que é moi complicado. É como o de aplicar criterios democráticos no BNG. Todo é discutíbel, todo é lexítimo, pero chegará un momento en que haberá que aplicar as decisións da maioría.

-Unha das características que distinguen o BNG do resto de organizacións é o seu carácter frontista. No Bloque hai dende formacións marxistas-leninistas até outras que apostan polo social-liberalismo. Tanta diferenza ideolóxica non impide a pax interna?

-Non creo que sexamos diferentes a outros grupos politicos. O frontismo o que posibilitou foi crear o BNG, que, por certo, custou moito tempo construílo. Estou convencido de que pode haber sensibilidades diferentes pero non poden ser antagónicas. O nacionalismo únenos a todos. Nas políticas favorábeis á maioría social deste país que son os asalariados, os autónomos e a pequena empresa tamén estaremos dacordo. É un modelo válido que posibilitou a unidade. Acaso non hai corrente en calquera grupo político de ámbito estatal? O problema é que até o de agora uniunos un mínimo común denominador que é o de ser nacionalistas e isto é o que nos debe seguir unindo. Eu non considero a ningún dos membros das outras listas os meus adversarios e moito menos os nosos inimigos, son compañeiros e compañeiras do BNG. A unidade do Bloque debe preservarse por riba de todos. Para iso, estamos por chegar a acordos, que non ao 'cambalache'.

- Vostede lidera unha candidatura nucleada arredor da UPG. Mentres que uns opinan que este partido é o carburante indispensábel do BNG outros consideran que representa o dogmatismo máis paralizante...

-Eu xa sei que iso existe. O peor que podemos facer no debate interno é movernos neses parámetros. A UPG ten as súas filias e fobias, algunhas delas ben esaxeradas. Tan partido é como outros que compoñen o BNG ou como correntes ou como se chamen, que ao fin e ao cabo son organizacións internas. É lexítimo e así está conformado o Bloque. Hai moitísima xente que non somos da UPG e que somos do BNG. Eu non son independente de nada eu son afiliado do Bloque Nacionalista Galego. Non son nin anti nin pro de nada. Non vou entrar na descualificación de ninguén.

-Cando escoita o Himno, é dos que ergue o puño dereito, o esquerdo, cruza os brazos ou mete as mans nos peto?

-A verdade é que non ergo o puño. Non por nada especial. Non sei se cruzo os brazos ou non. O símbolo do puño representou á esquerda europea e síguea representando. Pero cada un ten a súa personalidade e eu sempre fun moi pouco dado a levar pegatinas e a non se sabe que. Eu canto o Himno galego, que é o noso e que creo que é suficiente.

-Destes anos de militancia cal é o mellor recordo?

-Todos son bos recordos. Eu son un simple afiliado que teño bo recordo de cando tiven responsabilidade e cando non.

-E o peor?

-Teño moi pouca tendencia aos malos recordos. O que non me gusta é a confrontación esaxerada, a descualificación, os malos modos...

-Vostede naceu en Pontevedra, Beiras en Santiago e Aymerich en Vigo...Faltan boinas no nacionalismo?

- (Risas) O das boinas e dos birretes pasa noutros sitios. Non BNG hai xente de moi diferente orixe. Eu nacín en Pontevedra por unha simple circunstancia, meus país eran de Palas de Reis. Non creo que a xente poida definirse por cuestións de orixe.


4,48/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Guillerme Vázquez atende ás preguntas de Vieiros

Guillerme Vázquez o día da presentación oficial de Alternativa pola Unidade
Guillerme Vázquez o día da presentación oficial de Alternativa pola Unidade
Vázquez, acompañado dos membros da candidatura
Vázquez, acompañado dos membros da candidatura