O presidente da Xunta laiouse de que Galiza viviu "un dos peores abrís dos últimos 19 anos" no que respecta á afiliación á Seguridade Social.
Nunha breve avaliación das estatísticas que se coñecían este martes, o presidente da Xunta opinou negativamente sobre o indicador de descenso de afiliacións na Seguridade Social e afirmou que "habería que remontarse a abril do ano 1995 ou ao mesmo mes de 2001 para atopar unha caída similar no número de altas á Seguridade Social.
En opinión de Alberto Núñez Feijoo este rexistro é "o máis revelador", dos coñecidos este martes. Á beira, segundo o presidente, a redución do ritmo de destrución de emprego en Galiza ten que ver coa influencia puntual da Semana Santa, e comentou que non son datos abondo para realizar unha avaliación positiva. "Non tería mellor noticia para Galiza, pero non é así", advertiu.
Doutra banda, Feijoo chamou a atención sobre o recente informe da Comisión Europea onde se agoira que o Estado español será xunto coas economías de Irlanda e Estonia unha das que máis tardará en saír da crise. "Como gobernante e como galego tamén me preocupa este dato", sinalou, prognosticando un escenario de "moito traballo e sacrificio" para saír da crise.