Reclaman ampliar as prestacións por desemprego, que agora mesmo só cobren 0 60% dos parados.
A preocupación pola elevada porcentaxe de persoas sen emprego que non reciben ningún tipo de prestación económica, catro de cada dez parados en Galiza, é un dos datos sobre os que UXT-Galicia chama a atención á luz das cifras coñecidas este martes. Recordan desde o sindicato que a nivel estatal un 71,3% dos desempregados contan con algún tipo de axuda, mentres que só o 60% contan con cobertura en Galiza.
"Isto vai esixir do Goberno unha toma de conciencia de que é o momento das políticas públicas con maiúsculas e de retomar a senda do diálogo social", expoñen, chamando a Xunta a facer un esforzo en gasto público, tanto pola vía da protección, a través das rendas de inserción laboral, como pola vía de "mudar o patrón de crecemento", apostando pola formación, cualificación e innovación. Ao respecto destes desafíos subliñan a importancia de desenvolver medidas incluídas no seu momento no Pacto pola Competitividade e no Acordo polo Emprego.
Salientan ademais desde a UXT que a Xunta debera aumentar orzamentos para o salario de inserción laboral, coa fin de intentar axudar a aqueles que xa esgotaron as prestacións por desemprego. Recordan ademais a fenda existente entre o desemprego peneirado polo INEM, con 210.662 desempregados, e a Estatística de Poboación Activa (EPA), con 162.700 parados no primeiro trimestre de 2009. Piden por tanto un cambio na metodoloxía, que corrixa ese desequilibrio nos datos. Recordan que o Plan Galego de Estatística recollía xa a recomendación para a ampliación da mostra en Galiza para que os datos sexan máis fiábeis, a 8.600 vivendas, máis do dobre do analizado agora.