Institucións, museos e editoriais preparan, entre outras actividades, bookcrossings para hoxe, ao tempo que as librarías fan un 10% de desconto.
O Día do Libro conmemorarase en Galiza con actividades en todas as cidades, que terán como centro as librarías, que neste 23 de abril ofrecen un dez por cento de desconto. O outro espazo protagonista desta xornada é a rúa, con actividades que procuran sacar os libros dos andeis, e achegalos aos posíbeis lectores no canto de seren estes os que teñan que ir na busca dos textos. Destacan as actividades de bookcrossing organizadas polo Marco de Vigo e o CGAC compostelán, que liberará na biblioteca de Caja Madrid, en Casas Reais, un feixe de volumes sobre diferentes disciplinas artísticas procedentes da bolsa de duplicados da biblioteca do CGAC. O Marco organiza, así mesmo, na libraría Plaxio (situada no vestíbulo do propio museo), e conxuntamente con Kalandraka, unha sesión de contacontos para o público infantil que comezará ás seis e media da tarde.
En Gondomar, de 19.30 a 22.00 horas, Espazo Lectura súmase á celebración internacional do Día do Libro sacando a lectura ao mercado. Os postos das peixeiras da Praza de Abastos de Gondomar encheranse de libros e de froita para acoller a segunda edición da sesión de lecturas compartidas en voz alta, Dar de ler coma quen dá de beber.
De volta en Compostela, El Patito Editorial e a Libraría Couceiro organizan un intercambio solidario co gallo da presentación da nova publicación da editorial, O máxico arrecendo e outras historias, de Fran Bueno. Todas as persoas que se acheguen á praza de Cervantes poderán intercambiar dous quilos de comida polo libro. Ademais, o Diario Cultural da Radio Galega emitirase este xoves dende a libraría compostelá.
Continuarán así mesmo as feiras do libro na Coruña e Ferrol. Nos cantóns da cidade herculina están abertas dende o mércores 15 casetas, e este xoves haberá unha lectura pública de A Esmorga de Eduardo Blanco Amor.
Pola súa banda, o Museo do Pobo Galego agasallará a todos os visitante cun libro, mentres que na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán da Coruña terá lugar unha lectura pública de textos desta autora galega relacionados coa muller. Finalmente, no Consello da Cultura a Editorial Xerais presentará Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego, realizado polo editor Juan L. Blanco Valdés.