Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
E-BOOKS

A literatura tamén está na rede

Repasamos algúns dos servizos que existen na internet e que nos permiten acceder a libros en formato dixital de balde.

Redacción - 14:20 23/04/2009

O Día Mundial do Libro tamén se pode celebrar consultando algúns dos recantos da web que nos proporcionan material de lectura. Así, podemos visitar varios portais con publicacións dixitais na nosa lingua. É o caso da Biblioteca Virtual Galega, impulsada pola Deputación da Coruña e pola UDC. Tamén están dispoñíbeis obras da literatura universal traducidas ao galego en Bivir.com, creada pola Asociación de Tradutores Galegos.

A nivel internacional, pódese salientar a Biblioteca Dixital Mundial, presentada esta mesma semana e que inclúe contidos de bibliotecas de todo o mundo, principalmente documentos históricos, e que se irá ampliando progresivamente. Xa existe dende hai algúns meses a biblioteca europea Europeana, máis centrada na cultura do continente.

Na internet é posíbel acceder a moitas tendas de libros electrónicos, que se poden ler no computador ou mediante os cada vez máis estendidos lectores de e-books. Dende elas pódense mercar versións dixitais das últimas publicacións e tamén de material clásico. Porén, existen fontes para acceder de balde a obras liberadas de dereitos de autor, como o Proxecto Gutenberg.

Outra importante fonte de contidos é Archive.org, onde tamén hai dispoñíbeis todo tipo de documentos multimedia e versións gardadas de moitas webs da internet co aspecto que tiñan hai máis dun ano.

Por último, podemos subliñar o labor de Google, que está a dixitalizar libros de todo o mundo. Pódense acceder a estas obras dende o seu buscador de libros, que ofrece versións completas ou parciais daquelas obras protexidas con dereitos de autor, aos que tamén se lles dedica a data que se conmemora este 23 de abril.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: