Escoitar.org, o Festival dos Abrazos, a empresa compostelá E-Burbulla e Narf e Manecas Costa presentarán os seus proxectos.
A programación da primeira edición de Macc, o único mercado das ideas do estado, reúne o talento emerxente, o risco innovador e a xestión empresarial creativa os días 23, 24 e 25 de abril no Auditorio de Tenerife. Catro proxectos galegos partician neste primeiro primeiro Mercado Atlántico de Creación Contemporánea: Chiu Longina exporá as bases do proxecto Escoitar, a organización do Festival dos Abrazos compartirá as súas experiencias, a empresa compostelá E-Burbulla organiza o maccLab, e o Aló Irmao de Fran Pérez e Manecas Costa forma parte do programa artístico do Festival Tránsitos. Os proxectos, ideas e creadores que conforman esta programación foron seleccionados pola comisión creativa macc entre máis dun cento de propostas.
A proposta de Escoitar.org
Escoitar.org presentará o seu proxecto artístico antropolóxico no programa maccInspira do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea que comeza mañá en Tenerife. Un relatorio do artista sonoro e atropólogo Chiu Longina ofrecerá as claves dos case tres anos de vida da asociación cultural galega de promoción, difusión e defensa da escoita activa.
Pregúntanse en Escoitar.org "por que existe unha hexemonía tan marcada entre o ollo e a orella". "A primeira relación que os seres humanos temos co mundo é a través do noso oído", explica Longina, "os primeiros estímulos chegan da voz da nosa nai, o seu líquido amniótico amplifica os sons do exterior e deste proceso xorden os primeiros vínculos afectivos". E engade que "non temos pálpebras nos oídos, é dicir, non podemos deixar de escoitar de forma mecánica (como si podemos deixar de ver). É por iso que estamos avocados a escoitar.
Outras propostas
Ademais das galegas, entre as propostas seleccionadas están Democreated Brand, un interesante experimento creativo que propón ao público que decida democraticamente a concepción dun produto e a súa marca. Os desenvolvementos coreográficos no laboratorio avanzado de creación Tenerifedanzalab, as ideas creativas que a xente do Instituto Europeo de Deseño achegan ao mundo empresarial, as Talent Factorys, iniciativa da Fundación Digitalent para a promoción e impulso de proxectos multidisciplinares de dixitalización de contidos, ou as leccións maxistrais de Marcel·lí Antúnez, fundador da Fura dels Baus.
I have a secret é un colectivo andaluz que expón unha nova forma de facer cinema cunha mensaxe elaborada a partir ao lado máis íntimo e reservado das persoas: os seus segredos. A produtora Animation Bull ofrece un interesante proxecto artístico e creativo a partir da animación do cadro O xardín das delicias, do Bosco, e o colectivo Derivart achega a instalación Spreadplayer, que explora a intersección entre a arte, a tecnoloxía e as finanzas. Spreadplayer é un instrumento dixital que xera unha nova visualización dos mercados bolsistas a través do son. Transformando en ondas sonoras, e a tempo real, os datos de cotización das empresas españolas.