Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FRAN PÉREZ, 'NARF'

"Na casa de meus pais, en Noia, era máis normal ver unha máscara africana ca un prato de Sargadelos"

Narf vén de pasar quince días en Maputo, ocupado na organización do festival galego-luso-mozambicano 'Ahoje é ahoje'.

Marcos S. Pérez - 12:00 22/08/2008

Fran Pérez leva anos de viaxe interminábel: Galiza, Maputo, Brighton, Cabo Verde, Lisboa... Marchou cunha guitarra e regresou cunha guitarra, algunhas cancións, ritmos nos oídos e saudades nos ollos. O Festival 'Ahoje é ahoje' axuntou teatro, música, artes visuais e letras, unindo tres países e dous continentes, co concurso de Mutumbela Gogo/Teatro Avenida, o Trigo Limpo teatro ACERT de Portugal, Prómédia, GESTO/Identidades, tamén portugueses, e o grupo musical mozambicano Timbila Muzimba, ademais de Narf e Manecas Costa.

Fran Pérez estará ocupado até final de ano: viaxará coa súa banda ao mercado de Vic, ao Womex, e ten encargada a composición da música para a próxima produción do CDG: a adaptación de A boa persoa de Sezuán, de Bertold Brecht. O seu espectáculo Alô Irmao, que realiza con Manecas Costa, trátase de compartir experiencias, de unir linguaxes, o mesmo que o festival mozambicano do que Narf vén de regresar.

Como foi a experiencia?

Foron uns quince días, en total. A primeira parte da viaxe consistiu na preparación do festival, e en encontros coa prensa. Eu fixen bastantes entrevistas na radio e na televisión, todo para provocar o maior impacto posíbel na cidade.

A resposta do público foi positiva?

Tivemos bastante sorte nese sentido. Nos dous concertos que demos, os teatro estaban cheos. O primeiro no centro franco-mozambicano, no que eu fixen o espectáculo 'Bumba' xunto cos Timbila Muzimba, xusto antes do seu concerto; e eles arrastran moita xente. E despois tamén tivo moito público o concerto de Alô Irmao, con Manecas, que é un artista que é coñecido en toda África, sobre todo a través da difusión que ten na RTP África.

Con que quedas do festival? Cal foi o mellor momento?
Seguramente o concerto de Alô Irmao, que foi máxico, digamos, moi emotivo. O espectáculo xa é emotivo de por si, pola súa temática que ten: 'Alô Irmao, onde nos vamos encontrar?'. Eu son un turista occidental, como di a letra da canción: 'movendo o capital de capital en capital, un intruso na noite tropical'. Como imos romper a barreira do que ti presupós de min e eu presupoño de ti?

Quería chegar a iso. Van rachando esas barreiras? Nótalo cando ti tocas en África ou Manecas aquí?
Esa é a filosofía. Tampouco teño afán didáctico ningún, ou exemplarizante. É simplemente dicir: 'ímonos poñer a facer cancións, e a ver que pasa'. E así é como plantexamos o concerto aló. Eu normalmente falo moito nos concertos, e desta vez só dixen 'boa noite', e empezou aquilo a fluír como se fose un río, despois apareceron os de Timbila, que se integraron nas cancións cunha naturalidade moi grande, e creo que foi iso o que fixo que a xente considerase ese concerto como algo máxico.

En Galiza, inserida dentro de Europa Occidental, como se ve a cultura africana? Segue percibíndose como algo afastado, exótico?
Si, quizais o termo máis aquelado é o de exótico. Eu o que procuro é que o que eu fago non teña nada de exotismo, nin deste paternalismo tan típico dos europeos con respecto a todo o africano. Ás veces non se fai por mal, senón por falta de encontros. Falta o coñecemento diario, que non sexa a través das malas novas nos informativos, do exótico, ou desta 'cooperación internacional'. Hai outra vía, que para min debería ser a fundamental: a relación un a un, que é como se fai o mundo. E así é como se consegue unha auténtica relación de igual a igual, e sen paternalismos. E ese paternalismo podería darse á inversa, porque se cadra somos nós os que temos que aprender deles; as persoas que sufriron as dificultades da vida, como eles e como os nosos avós, tamén saben valorar as cousas importantes da vida: a amizade, a alegría, que non son cousas que che veñan regaladas, hai que traballalas.

Como é a relación que teñen os africanos coa música? É moi diferente que a que podemos ter aquí?
Non, en realidade non. Escóitase o mesmo que podemos escoitar aquí, escoitan moita música de baile, máquina, de alí e de fóra. Escóitase moita música 'global': Ricky Martin, por exemplo. E de feito, a labor que está facendo esta xeración de músicos é moi importante, porque son os que están empezando a utilizar os idiomas autóctonos, coma o Machope, idiomas que saen do rural. Sóaeche a algo de aquí? (risas) Iso quizais nós pasámolo hai un tempo, pero eles están pelexando por poder compoñer música de todos os estilos nos seus idiomas maternos. E fano con personalidade, traendo os instrumentos tradicionais a expresións contemporáneas. Por iso a mestura que fago eu das guitarras eléctricas coas timbilas sorprende moito, porque ademais chama a atención que veña un tipo de Galiza cantando en machope, que non é algo aínda asumido totalmente. E o mesmo que nos pasa a nós se ven un finlandés e fala galego. A globalización cultural avanza como unha apisonadora en todo o mundo, chega moito antes que a solución aos problemas básicos.

En Europa Lisboa é unha das grandes portas á cultura africana, non si?
Si, e Francia, que ten avanzado moito. Lisboa é unha das cidades nas que existe unha relación máis natural entre Europa e África. Entre outras cousas, porque na xeración anterior moita xente pasou por África, no exército ou polo que fose, pero coñeceron persoas alá, teñen amigos africanos. E iso fai moi natural a relación. Tamén para min foi a porta.

En Galiza sempre se estivo en contacto con outros pobos e con outras músicas: aí están as habaneiras, ou as rumbas e cumbias que traían os emigrantes de América hai un século. Non é nada novo, non? Trátase de retomar unha vez máis esas relacións...
Aí falaches moi ben. Eu sempre falo de ser 'galego da Galiza imaxinaria'. É do máis natural, forma parte da nosa forma de ser, xa non só dos emigrantes, senón polo espírito de aventura que sempre tivemos. Na casa de meus pais, en Noia, era máis normal ver unha máscara africana ca un prato de Sargadelos, porque eran mariñeiros e traían as súas cousas. Non é nada novo, como dis, pero ás veces parece que esquecemos quen somos. E de feito as veces que fun a Mozambique nunca deixei de atopar galegos, principalmente os mariñeiros que alí traballan. O que si é certo é que nos últimos anos a música galega tense enfocado a través do nexo céltico, mirando ao norte e non tanto ao sur. Pero aquí as orquestras sempre tocaron cumbias, xa case forman parte da música tradicional.

E neses contactos que fas, vas á base da música: un home e unha guitarra, sen requintala con outras cousas: ritmo e melodía...
Si que é verdade que agora moitas veces téndese a buscar a fusión pola fusión, faise máis cociña que química orgánica. Eu estou procurando facer outra cousa, porque tampouco estou preocupado por ser moi ortodoxo cos ritmos. Non digo: 'voulle meter este ritmo de pandeirada', é máis ben que fago unha canción e nela recoñezo un ritmo, unha influencia. As sementes veñen polo aire; aquí o que hai é un terreo aboado pola miña galeguidade, polas influencias que recibín dende pequeno, as tradicionais, pero tamén os discos de Iggy Pop. E despois ao chegar a Mozambique atopo ao Timbila Muzimba, que fan unha música máis ligada á tradición, con instrumentos de pedra e de madeira, pero que escoitan música máis moderna do que eu. E con todo iso, xuntámonos e poñémonos a facer música, e sae o que sae. Así de simple.

Éche difícil levar esa sinxeleza, esa naturalidade a un disco, que sempre é un formato máis pechado? Por exemplo, quedaches satisfeito con Totem?
Con Totem si, porque é un proceso distinto. Estes espectáculos aínda non atopamos a maneira de podelos captar como realmente son, pero Totem recolle unhas cancións que eu viña tocando en solitario, e tiven o esquelete e a alma das canción tiven que pensar como podía ser a banda que ía tocar no futuro aquelas cancións.

E eses directos que estás facendo, pensaches convertelos nun disco ou un DVD?
Gustaríame moito, si.

Tes novas cancións? Estiveches compoñendo nestes últimos meses? Supoño que en todas estas viaxes vas arrastrando saudades...
Si, cando agroman esas sensacións xorden as cancións, pero esas cancións non saen necesariamente no lugar no que se inspiraron. En realidade, case nunca coinciden, sobre todo porque eu non planifico a música nese sentido, non digo: 'vou facer este estilo deste lugar'. Son as saudades as que provocan as cancións. Eu si percibo que a miña música ten cada vez máis influencias africanas, pero se lle preguntas a algún músico do continente se recoñecen algún ritmo africano, dirache que non, que iso que eu fago é 'afrorock'.

Tes algún proxecto musical inminente?
Si, pedíronme que fixese a música da nova produción do CDG, que é unha obra de Bertold Brecht. É un reto interesante, porque normalmente asociamos a Brecht coa música de Kurt Weill, e eu teño que suplantar iso. E despois os traballos que fago para Trigo Limpo; cada ano fago música para tres obras deles. É o meu oficio. Coa banda estaremos en Vic, naquela especie de mercado musical que teñen montado alí, e amosaremos Totem e algo de Alô Irmao, tamén, e despois estaremos no Womex en novembro. O que quero é repetir o que levo tempo facendo só, pero con banda, e así ir abrindo portas. A música que fago non ten problema por causa do idioma, antes ao contrario, tanto no mundo lusófono, como en Inglaterra, porque a xente comeza a estar un pouco farta de que todo o mundo lle cante en inglés.

E a Psicofónica?
É complicado. En realidade nunca paramos, seguimos reuníndonos, pero en vez de ensaiar quedamos para comer. Non é fácil, porque cada un estamos nun sitio. Pero nunca está dita a última palabra.


4,05/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fran Pérez en Maputo e nunha das actuacións do festival (Fotografías: Xavier Belho)
Fran Pérez en Maputo e nunha das actuacións do festival (Fotografías: Xavier Belho)