Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MARIO VIVEROS, DOCUMENTALISTA

"Queremos axudar á creación dunha conciencia colectiva sobre a historia contemporánea de México"

Falamos co cineasta, que participou recentemente no Simposio 'Poéticas de Resistencia' e presentou o seu filme 'Romper el Cerco' na USC.

Xan G. Viñas - 10:30 28/04/2009

O cineasta, camarógrafo e montador mexicano Mario Viveros fai parte de Canal 6 de Julio, un colectivo de cinema que leva 20 anos a producir documentais contrainformativos destinados a visibilizar o que os medios de comunicación de masas ocultan. Trátase de pezas urxentes e directas, útiles para aqueles que adoitan non ter voz nin rostro na grella mediática xeralista. Mario Viveros, un dos integrantes máis activos da canle, visitou recentemente Compostela para intervir no II Simposio Internacional de Poéticas de Resistencia da USC. Mais a viaxe tamén lle serviu ao cineasta mexicano para presentar no Paraninfo da Universidade Romper el cerco, unha das súas últimas creacións, co-realizada xunto a Nicolás Défossé.

A peza céntrase nos acontecementos de San Salvador Atenco, onde en 2006 se sucederon fortes mobilizacións contra o plan do goberno de Vicente Fox de construír un aeroporto previa expropiación dos terreos da poboación local. Ante a crueza dos enfrontamentos o goberno federal viuse obrigado a cancelar o proxecto, mais os días de represión deixaron un doloroso saldo de torturas, asasinatos e violacións dos dereitos humanos a mans das forzas policiais. A peza de Mario Viveros busca relatar estes feitos a través de testemuñas directas ao tempo que denuncia o cerco mediático gobernamental que impediu que a opinión pública soubese da gravidade dos acontecementos.

No inicio de Romper el cerco hai unha apelación directa ao espectador na que se le: "Mira, discute e distribúe este vídeo", coa que se evidencia unha busca dun público activo que trascende ao simple receptor de cinema...
Esa é a idea. Os filmes realizados dende Canal 6 de Julio buscan por unha banda manter a xente informada e denunciar feitos de enorme gravidade como os sucedidos en San Salvador Atenco, mais tamén queren provocar unha reacción no espectador. Mesmo así, somos conscientes de que un documental non cambia o mundo, mais pode contribuír á difusión de realidades ocultadas polos medios convencionais. O noso traballo pretende axudar á contención dunha serie de estratexias gobernamentais que, neste caso, consistiu en enviar exércitos regulares á rúa para combater a poboación civil. 

A día de hoxe, as consecuencias dos sucesos de Atenco séguense a sufrir pois dez persoas seguen detidas, tres delas con penas altísimas. Hai dous condeados a 67 anos de cárcere e un dos líderes do movemento, Ignacio del Valle, ten unha pena de 112 anos, co cargo de secuestro e ataques ás vías federais de comunicación. Unha das prácticas das que adoitan botar man os movementos de protesta como medida de presión durante a negociación é reter durante unhas horas a funcionarios públicos. O goberno está equiparando ese tipo de procedementos co secuestro convencional, que implica moitos anos de cadea. Asemade, en México vivimos unha época de crise pola delincuencia e o narcotráfico que provocou que as penas se endurecesen enormemente e iso estase aproveitando de maneira perversa para golpear o movemento social. Ignacio del Valle está a ser unha das vítimas máis claras.

Os rótulos iniciais lémbranos un chisco ao filme La hora de los hornos, de Fernando Pino Solanas, no que se buscaba unha resposta política do espectador. Cal é a vosa relación coa historia do documental latinoamericano?
A nosa xeración dalgún xeito vén a continuar o movemento inaugural desa caste de documental. É evidente a influenza en todos nós do cinema de Santiago Álvarez, Pino Solanas, Raymundo Gleyzer e, no caso mexicano, de Eduardo Maldonado, Nicolás Echevarría, María del Carmen de Lara ou Carlos Mendoza. Mesmo así, no meu caso considero necesario despegarme da perspectiva militante daqueloutro cinema, pois paréceme importante manter unha distancia crítica co movemento que non me faga perder a perspectiva e me permita cuestionar o meu propio traballo. Penso que ese é o xeito de crear un espectador reflexivo. É indubidábel que teño vencellos persoais con estes movementos ao tempo que considero imposíbel non ter unha posición e o mito da obxectividade me parece un embuste. Nós, no Canal 6 de Julio, definímonos como un medio de esquerdas pero cunha distancia crítica que atinxe tamén ao noso propio traballo. 

Que mecanismos de distribución atopa un cinema situado nas marxes da industria como é o que facedes dende Canal 6 de Julio?
Cando nace a canle, en 1989, a primeira vía de difusión era a venda en man, que resultaba moi útil pois evitábase caer nas poutas da censura. Arestora, estanse a abrir espazos de venda nas librarías para o documental mexicano e latinoamericano que nos permiten chegar ao público. Internet é outra vía que aínda non desenvolvemos dabondo. A nosa idea é activar unha páxina na que a xente poida descargar o documental na rede dende a súa casa a cambio dun pago non moi elevado. O tema do cobro débese a que somos un medio modesto e precisamos financiamento para poder seguir producindo documentais.

Romper el cerco máis que relatar os sucesos de Atenco o que fai é descubrir a montaxe mediática. Trátase dun filme fundamentalmente contrainformativo que visibiliza o que os medios masivos ocultan...
Sen dúbida, mais estamos a falar, en calquera caso, dun filme conxuntural feito en tres semanas, con todos os erros e vantaxes que isto leva consigo. A nosa intención é pór o noso grao de area na creación dunha conciencia colectiva sobre a historia contemporánea de México co fin de que a xente poida tirar as súas propias conclusións, completada coa súa propia bagaxe e formación. Procuramos tamén traballar cos movementos sociais, que habitualmente son moi pobres, e botan man do noso material para informar aos colectivos e como fonte de discusión e debate. Este filme, por exemplo, tivo moita incidencia en Oaxaca, onde meses máis tarde houbo uns episodios de represión gravísimos, e a xente miraba os vídeos para ver como actuaba a policía e prepararse para actuar. Chega un momento no que ti rematas o documental e sóltalo e é moi interesante ver como a xente logo se apropia del e o emprega na súa loita. 

Considerades que a un filme oposto á ideoloxía hexemónica no seu contido precisa tamén dunha forma cinematográfica anovadora? Que relación estabelecedes entre forma e o contido nas vosas creacións?
Evidentemente como cineasta sempre tes que ter en mente como combinar forma e contido e a meirande parte das críticas que nos chegan atinxen a ese particular. A nós preocúpanos ese apartado mais a nosa principal inquedanza está no contido, en tentar artellar un cinema útil e necesario e achegar unha nova realidade. Isto pode reportar un goce no visionado igual de intenso que cando se percibe unha composición fermosa. Por outro lado, ás veces as imaxes non se conseguen nas condicións máis óptimas; cando se están a guindar pedras por un lado e bombas de fume polo outro, é difícil acadar unha composición coidada. Tamén empregamos en ocasións imaxes tiradas por persoas que non son profesionais e non teñen gran calidade técnica mais si un valor documental. Coido que canto máis artificial sexa o teu filme máis te achegas ao cinema de Hollywood.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Bienvenidos a Zimapan Cementerio Toxico', un documental de Mario Viveros

Mario Viveros
Mario Viveros
Dous fotogramas de 'Romper el cerco'
Dous fotogramas de 'Romper el cerco'