Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRIMEIRA SESIÓN DO SIMPOSIO

'Poéticas de resistencia' reivindica a teoría como forma de loita

Denunciouse a "trampa da postmodernidade" na que "os hexemónicos se disfrazan de resistentes".

M.S.P. - 19:00 16/04/2009

"Toda teoría é gris, pero é verde o áureo árbol da vida", escribiu Goethe, e defendeu José Ángel Valente. Así e todo, a reflexión é necesaria e tamén o é a teoría, reivindicada como "exercicio de resistencia". O encontro que esta semana mantén o grupo Poéticas de Resistencia na USC ten como obxectivo "reflexionar en voz alta e en marcha", como escribiu no seu blog o profesor Arturo Casas, un dos seus coordinadores. Os investigadores e creadores que participan no simposio asumen e reclaman a resposabilidade que teñen a cultura e a investigación de comprometerse e intervir na sociedade, rompendo os consensos creados polo liberalismo, ligada ao "saber comprometido" que defendeu Bourdieu.

Na sesión da mañá Cornelia Gräbner, Margarita García, Ben Bollig, Iria Sobrino, Arturo Casas, Lorena Domínguez, Antonio Díaz e Thomas Muhr afondaron no papel exercido polos estudos teóricos e a creación artística na creación de suxeitos de resistencia e na efectividade destes discursos, xerados dende disciplinas moi diversas. Tamén se debateu a relación entre 'resistencia' e 'poder' e lanzouse a pregunta de se, na arte e na política, "todo o que emerxe é novo". Ao fío desta cuestión alertouse sobre a "trampa da postmodernidade" que constitúen certas tomas de posición nas que "os hexemónicos se disfrazan de resistentes". Aludíase ás posicións reaccionarias, cada vez máis habituais, denunciadas xa por Bauman e Bourdieu, na que certos grupos que detentan o poder político ou simbólico exercen unha "resistencia aos cambios" disfrazada de "resistencia", apoiándose decote no concepto de "liberdade", como fixo por exemplo 'Galicia Bilingüe' ou a Igrexa Católica.

Xa pola tarde Carlos Quiroga, Alethia Alfonso, Paula Cristina Oliveira da Cruz e Eduardo Espina falaron sobre Sátira, humor e parodia como estratexias, con distintos exemplos da "capacidade autoirónica dos discursos resistentes". En concreto, o profesor Quiroga tratou en O ludo-reintegracionismo como forma de resistência galeguista as accións 'ridiculistas' realizadas nos últimos meses.

Sesión do venres
Na primeira mesa da mañá Chus Pato vai ofrecer en Un brinde polo poema un 'prólogo inédito para un libro futuro das Redes Escarlata', e Marcos Giadas falará sobre Hip hop e identidade nacional nos suburbios franceses. Xa pola tarde ofreceranse algunhas clave sobre os conflitos e relacións entre o poder e contrapoder; Iratxe Retolaza presentará Cánones e contra-cánones: vías de lexitimación e deslexitimación na poesía vasca, Burghard Baltrusch afondará na tradução como resistência estética e Jordi Claramonte falará sobre Estética modal, autonomía, subxectividade, axencialidade, contidos presentes no libro que presentou o xoves na Facultade de Filoloxía da USC Lo que puede un cuerpo. Ensayos de estética modal, militarismo y pornografía.

Máis información na reportaxe de Praza das Letras


Consulta o programa completo aquí


5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: