Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A crise e a nova política fiscal, de fondo

O gobernador de Texas xoga coa idea da secesión nun 'Tax Day' especial

Os conservadores rememoran no 'Día dos Impostos' a 'Tea Party', revolta de 1773 contra as taxas coloniais británicas, para criticar a Obama, que esta cuarta feira fixo pública a súa declaración da renda.

Fernando Arrizado - 13:00 16/04/2009
"Obama, porco socialista"

"Obama, porco socialista"

"Washington abandonou os principios fundacionais dun Goberno limitado. A Administración federal está a estrangular os estadounidenses con impostos, gasto e débedas". Estas son algunhas das teses defendidas polos conservadores nos Estados Unidos para atacar a Administración Obama.

Teses repetidas en diversos mítines organizados polo Partido Republicano esta cuarta feira en varias cidades do país coincidindo co 'Día dos Impostos' (derradeira xornada para presentar a declaración da renda nos EUA). O fin, criticar a política financeira do novo presidente, converteuse en escusa para rememorar o Tea Party, a coñecida revolta de 1773 en Boston contra as taxas coloniais do Imperio Británico.



Rick Perry, gobernador do estado de Texas, foi un pouco máis alá e xogou coa idea da secesión. En Austin, ante berros de "Secesión!", o dirixente recordou que a economía texana goza de boa saúde en comparación con outros territorios dos EUA.

Posteriormente, ante as preguntas dos medios, Perry referiuse a cuestión arredista. "Hai moitísimos escenarios diferentes. Temos unha grande Unión. Non hai ningunha razón en absoluto para a disolver. Mais se Washington continúa a desconsiderar o pobo estadounidense, quen sabe que podería saír de aí".



As marchas críticas contra a política de rescate financeiro do Goberno realizáronse en varias cidades do país, principalmente en Washington, Miami, Nova York, Boston e Sacramento. Na capital federal tivo lugar unha das máis concorridas, con pancartas con lemas como "Os impostos son pirataría" ou "Prohibido o socialismo".


Declaración da renda do presidente

No 'Día dos Impostos', tamén a Casa Branca fixo pública a declaración da renda do matrimonio Obama, que en 2008 gañaron 2.656.902 dólares (máis de dous millóns de euros), a maior parte procedente das vendas dos libros del. En total, pagáronlle ao Goberno federal e ao estado de Illinois 933.206 dólares (máis de 700 mil euros) en impostos, e doaron 172.050 dólares (arredor de 130 mil euros) a 37 institucións de beneficencia.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: