A segunda edición do Festival de Cine Galego e Portugués abre o período de inscricións para as mostras competitivas.
"O Filminho arrisca e deseja petiscar. Nunca deixaremos de fazer um festival que arrisca. É característica do Filminho agradar a uns e não agradar a outros, pois nada de verdadeiro pode ser perfeito. O Filminho quer marcar o seu tempo, modificar as formas de olhar o Minho transfronteiriço e tudo o que o compreende". Así definiu André Martins, director do Festival, o espírito que caracterizou a primeira edición do festival. Todo un éxito artístico e de público que premiou a 'Paris #1' e 'O Cazador', se cadra os dous filmes máis recoñecidos do pasado ano no noso país, pódese dicir que 'descubertos' no Filminho e que despois continuaron o seu camiño triunfando noutros festivais.
A nova edición comezará o 16 de xullo e chegará até o día 19. Manterá as súas sedes, Tomiño e Vila Nova de Cerveira, e os seus premios principais: o 'Gran Premio', atribuído ao mellor filme de produción galega e/ou portuguesa en competición, e 'Cinema Miñoto', orientado para filmes realizados na rexión próxima ao río ou con referencias a ela. A inscrición para as seccións competitivas está aberta até o 30 de maio e pode realizarse na propia web do festival, Filminho.info.
O Filminho 2009 manterá o seu carácter transfronteirizo, algo que é moi salientado dende a organización do festival, que afirma que "é sinxelo para un festival ser 'internacional' por recibir filmes de varias nacionalidades". "Porén, que un festival o sexa porque acontece en dous países é algo completamente diferente, porque se estabelece sobre a fronteira, anulando calquera distancia, xuntando pobos e culturas, sen quedar nun sentido conceptual ou discursivo, séndoo fisicamente, na propia realidade", engaden. Sobre a programación o único que se sabe polo se agora é que se poderá ver unha restrospectiva do realizador portugués Edgar Pêra, autor de filmes neuro-punks e videoclips e creador de Banda Deseñada.