A opción liderada por Guillerme Vázquez presentou o seu blog e logo, unha estrela vermella de cinco puntas sobre fondo azul e verde.
Alternativa pola unidade, corrente na que se xuntan a Unión do Povo Galego (UPG) e militantes independentes do BNG, arredor da candidatura de Guillerme Vázquez, considerou que "non é positivo nin funcional" que a Portavocía Nacional do Bloque e a do grupo parlamentario coincidan, en clara referencia á presentación da candidatura de Máis BNG, a de Carlos Aymerich.
Nun seu comunicado, este movemento advertiu que non aposta por unha visión "personalista da política" e que non apoiará "ningunha forma de hiperliderado", senón que avoga pola "democracia participativa" e por que o BNG "se dote de varios referentes persoais e non só de un, de carácter unipersoal". "É fundamental que a toma de decisións sexa colectiva, democrática e aberta ao conxunto da militancia", acrecentou o grupo. Nesta liña, tamén apostaron por "revitalizar a organización do Bloque e agrandar a súa base militante" como "obxectivo prioritario". A seguir sinalan que só unha persoa que teña unha "experiencia política e coñecemento da organización de base" debera chegar a ser voceiro nacional do partido.
Prioridades: "agrandar a militancia" e "reforzar a organización"
O reto "máis importante" é "garantir" a presenza do nacionalismo galego no futuro Parlamento europeo e prepararse para "obter un bo resultado" nas eleccións municipais de 2011, continúan, sinalando que "non ten ningún sentido situar agora como obxectivo prioritario unhas eleccións galegas previstas para 2013". Nesta liña, dende Alternativa pola Unidade lembraron que na Asemblea do vindeiro 10 de maio "non se elixirá o candidato á Presidencia da Xunta" e "non cabe, polo tanto, condicionar futuras decisións", que haberá que tomar dentro de dous anos.
Ademais de posicionarse sobre o que outras candidaturas á Portavocía Nacional andan a facer, este corrente do BNG presentou o blog do seu candidato, Guillerme Vázquez, e o seu logo: unha estrela vermella de cinco puntas sobre un fondo verde e azul "que se vai abrindo como o abano da unidade na diversidade" que "o BNG representa e debe continuar representando".
Esta corrente é unha das tres que presentará a súa candidatura na próxima asemblea extraordinaria do Bloque, fixada para o 10 de maio, na que se elixirá o novo voceiro nacional. Ademais, concorrerán as listas lideradas por Carlos Aymerich, actual voceiro parlamentario, -dentro da plataforma Máis BNG: o cambio necesario-; e Xosé Manuel Beiras, do Encontro Irmandiño.