Alemaña e Francia queren máis regulamentación e Estados Unidos propón máis medidas de estímulo fiscal.
Brown, Merkel e Sarkozy
O ministro de Economía do Reino Unido, Alistair Darling, anunciou esta quinta feira que os membros do G-20 chegaron a un acordo para atacar os paraísos fiscais. Segundo as súas palabras, esta medida levará á "fin da era do segredo bancario".
Darling amosouse convencido de que a xuntanza que está a ter lugar en Londres concluirá cun acordo global dada a "necesidade de unirse", e restou transcendencia ao posicionamento do eixo franco-alemán, que ameazara marchar se non había compromisos "concretos" en materia de regulamentación.
"Todo o mundo está de acordo na necesidade de contar cunha normativa máis dura, é niso é en que estamos traballando", subliñou o alto funcionario británico. No entanto, advertiu de que un sistema que garanta seguridade fronte a un colapso financeiro como o actual "non se arranxa nunha soa noite".
Neste senso, o goberno do Reino Unido mantense optimista malia as divisións existentes ao redor da aposta por novos estímulos fiscais propugnada por Estados Unidos fronte á contención pola que avogan a maioría dos países europeos, así como nas exixencias en materia de supervisión internacional.