Ademais, a UE anunciou prezos máximos para as mensaxes SMS internacionais inferiores ás cobradas dentro do Estado Español polos principais operadores.
A Comisión Europea deulle un toque de atención ao goberno español polos altos prezos da telefonía móbil. Segundo a comisaria de Sociedade da Información, Viviane Reding, a falta de competencia real no mercado móbil do Estado Español provoca que os seus prezos sexan os máis altos da UE.
O mesmo informe, sobre a evolución do mercado único das telecomunicacións, tamén sitúa o Estado Español entre os que teñen a banda larga cos prezos máis elevados, cunha media de 45,83 euros ao mes no ano 2008 fronte aos menos de 37 de media. Porén, neste aspecto Austria, a República Checa e Romanía están en peor posición.
Outro punto negativo destacado pola Comisión é a porcentaxe de penetración da banda larga, que no Estado Español apenas supera o 20%, fronte ao case 23 do conxunto da Unión. Pola contra, a penetración da banda larga móbil está moi por riba da UE, achegándose ao 26%, o dobre da media comunitaria, aínda que os prezos da factura son tamén dos máis caros, cunha media de case 36 euros, mentres que o conxunto da UE non chega a pagar 20 euros ao mes.
As críticas de falta de competencia contrastan co feito de que o Estado Español é un nos que se producen máis portabilidades (cambios de compañía de telefonía mantendo o mesmo número), e nos que o cambio é máis rápido.
Os altos prezos das chamadas dende os móbiles por parte das compañías do Estado Español quedou constatado ao se coñeceren os prezos fixados para as chamadas e mensaxes en itinerancia dentro da Unión pactados polo Parlamento e o Consello de Ministros da UE. Por exemplo, as mensaxes SMS internacionais custarán non máis de 11 céntimos (máis impostos) a partir do 1 de xullo de 2009. Na actualidade, os tres principais operadores do Estado Español cobran 15 céntimos por ese servizo dentro das fronteiras.
Folga o 1 de abril
Por outra banda, grupos de internautas propuxeron, a través de varias redes sociais, facer folga o 1 de abril para protestar pola posíbel aprobación de medidas contra o P2P polo goberno español. A acción consistiría en non facer uso da internet durante esas 24 horas.