Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN

A Comisión Europea quere que todo o rural teña banda larga en 2010

Un acceso á internet de alta velocidade é vital para favorecer a recuperación económica, da que tamén dependen as pequenas explotacións.

Redacción - 19:10 04/03/2009

A Comisión Europea aspira a que en 2010 a banda larga chegue ao 30% da poboación rural da Unión que aínda non dispón deste servizo. Considera que a mellora da conectividade á internet é un medio decisivo para fomentar a recuperación económica, polo que estender a súa cobertura se converterá nunha das súas prioridades.

O organismo europeo explicou que empregará os seus programas de apoio para impulsar a implantación de redes e servizos de internet nas zonas rurais e pediulles aos Estados membros que fagan o mesmo. Un mellor acceso á rede pode contribuír, por exemplo, a que as explotacións agrarias e as empresas das áreas rurais, especialmente as pemes, estean menos illadas e sexan máis competitivas grazas ao contacto cos mercados internacionais e a unhas relacións empresariais máis rápidas e eficaces.

Entre tanto, o Parlamento Europeo e o Consello examinarán a proposta da Comisión de dedicar mil millóns de euros suplementarios no marco do Plan Europeo de Recuperación Económica para xeneralizar o acceso á internet de alta velocidade en todas as rexións europeas.

Por termo medio, o 93% dos europeos gozan de acceso á internet de alta velocidade, mais esa porcentaxe redúcese ao 70% nas zonas rurais, e nalgúns países do leste apenas chegan ao 50% nesas áreas. No outro extremo, o 80% das explotacións suecas dispoñen de conexión á rede e unha terceira parte delas úsaa decote. Tamén un terzo recorre á internet para presentar solicitudes de axuda á UE.

Como complemento da Comunicación presentada pola Comisión Europea sobre o acceso das zonas rurais ás TIC, tamén organizará unha conferencia da UE sobre a banda larga que terá lugar o 2 e o 3 de abril na cidade italiana de Turín. Na conferencia reuniranse a Comisión, as autoridades estatais e rexionais e outras partes interesadas no estudo de incrementar o investimento en banda larga no marco do Plan de Recuperación da UE e que políticas contribuirán a acadar o 100% de cobertura deste servizo.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: