Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO SEU DÍA INTERNACIONAL

A factura da luz e a hipoteca, principais queixas do consumidor

As reclamacións vencelladas co sector financeiro, os problemas derivados da facturación eléctrica ou as irregularidades no cobro de servizos de telefonía son as principais denuncias dos cidadáns.

Redacción - 11:20 15/03/2009

Logo de que hai xa case 50 anos, o presidente estadounidense Kennedy se dirixise ao mundo subliñando que os consumidores eran xa unha nova categoría social, as demandas deste colectivo teñen mudado abondo. Aquela declaración que iniciou a celebración do Día Universal do Consumidor, que se conmemora este domingo, cobra nova relevancia no actual contexto de crise.

A telefonía, os transportes, os servizos públicos, a sanidade, a electricidade... son os sectores nos que se producen os maiores conflitos. As principais organizacións de defensa dos dereitos dos consumidores adican os seus esforzos a explicar as vías para a súa resolución e a denunciar as irregularidades que se seguen a producir.

Demandas diferenciadas para garantir uns mesmos dereitos
Así, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) denuncia eivas na facturación eléctrica e acusan a Unión Fenosa e a Begasa de non realizar correctamente as lecturas, de vulnerar o dereito á información e de non respectar os procedementos legais.

Pola súa banda, a Asociación de usuarios de bancos, caixas de aforros e seguros (ADICAE) dirixen as súas críticas aos "innumerábeis escándalos que veñen sacudindo o aforro dos consumidores nos últimos 10 anos, a inacción dos seus supervisores (Banco de España e CNMV), a xudicialización dos problemas dos cidadáns e a multiplicación dos abusos por parte das entidades financeiras".

Na mesma liña, Facua-Consumidores en Acción tamén aposta neste día pola reclamación dos dereitos: "nestes momentos de crise económica, o cidadán debe coñecelos con máis detalle", subliñan, ao tempo que reclaman un cambio na lexislación publicitaria para "frear a crecente explotación infantil na que están incorrendo moitas empresas".

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) elixiu esta xornada para reivindicar unha nova Lei de Endebedamento Familiar, ademais de exixir a regulación do dereito de folga e a prohibición de fumar en todos os locais públicos. O seu lema "reclamar é fácil" pretende concienciar ao cidadán da importancia de demandar aquilo que lle corresponda por lei.

Finalmente, a Federación de Usuarios Consumidores Independentes (FUCI) tamén anima aos cidadáns a "non quedarse parados" ante as situacións de conflito e alertan do incremento das consultas e reclamacións no sector financeiro.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: