Con todo, o PIB galego confirma un crecemento no primeiro trimestre do 3,2%, oito décimas por riba da media europea.
O Instituto Galego de Estatística presentou este luns o detalle dos datos xa avanzados hai un par de semanas e que confirman o crecemento do Produto Interior Bruto xerado pola economía do país no primeiro trimestre de 2008: un 3,2% con respecto ao mesmo período do ano anterior.
Este crecemento interanual implica que o PIB galego supera en cinco décimas o da economía española, que queda no 2,7%, e en case un punto á da UE, que parou no 2,4%. Neste período, o gasto en consumo final dos fogares en Galiza medrou un 3,1%, tres décimas por baixo do crecemento medio que marcaba no trimestre anterior. O freo neste indicador é máis evidente comparado co que amosaba a comezos do ano pasado. Daquela, os petos familiares permitían un ritmo de crecemento de até o 4,4%. Máis pronunciada aínda é a caída do gasto final das administracións públicas e institucións sen fins de lucro, que de rematar o primeiro trimestre de 2007 cun crecemento medio do 4,9%, sitúanse agora nunha porcentaxe similar á das familias, o 3,1%.
O estudo realizado polo IGE indica tamén que a ralentización do impulso na construción e o menor investimento en bens de equipo, están por tras da caída en 2,1 puntos porcentuais na "formación bruta de capital", que rexistra un crecemento do 3,7%. Ademais, neste primeiro trimestre, as exportacións aumentaron apenas un 1,5%, 1,2 puntos menos que no último trimestre do ano anterior, e moi lonxe do crecemento do 7,5% que amosaban no primeiro trimestre de 2007.
Os datos polo miúdo na web do IGE.