Muntadar al-Zaidi subliñou durante o xuízo que foi unha acción "natural" que faría "calquera iraquí" fronte a quen invadiu o seu país.
Os avogados defensores do xornalista criticaron a "dureza" da sentenza decidida polo tribunal para Muntadar al-Zaidi e anunciaron unha apelación. Así, argumentan que, á beira do carácter de insulto que o xesto do seu defendido ten na cultura árabe, a decisión non vai acorde coa lei xa que "non existía vontade de ferir, senón simplemente de expresar desprezo cara a figura do señor Bush".
Preguntado polo xuíz que presidía o tribunal como se declaraba, o acusado afirmou ser "inocente" e engadiu que o que fixo foi "unha resposta natural á ocupación" do seu país. Unha multitude agardábao fóra despois de seren desaloxados da sala e, segundo informa a BBC, a indignación foi grande ao coñecerse a sentenza de tres anos de cárcere.