A vitoria das vítimas do exterminio, que di o fiscal do TPI, Moreno Ocampo, non convence moitos países; si os EUA, malia nunca recoñecer a autoridade do tribunal.
'Concordan en algo. Non gostan do TPI'
A ONU calcula que a limpeza étnica en Darfur (oeste de Sudán) contra tres tribos negras non árabes xa provocou arredor de 300 mil mortos e 2,7 millóns de desprazados. Nunha entrevista concedida ao xornal La Nación, o fiscal do Tribunal Penal Internacional (TPI), o arxentino Luis Moreno Ocampo, considera que a orde de detención decretada contra o presidente sudanés, Omar Al Bashir, é unha vitoria das vítimas do exterminio.
Porén, a decisión sen precedentes da corte (as ordes contra Slobodan Milosevic, ex presidente iugoslavo e Charles Taylor, ex líder liberiano, emitíronse logo de que abandonaron o poder) dividiu as opinións mundiais. Dun lado os gobernos occidentais, cos Estados Unidos de América e a Unión Europa á fronte, e do outro a Unión Africana, a Liga Árabe, Rusia e China
A potencia asiática, aliada comercial de Sudán e membro permanente do Consello de Seguridade da ONU, di que causaría novos problemas. Moscova cualificou de "perigoso precedente" a decisión, e os países africanos mostraron o seu temor a unha nova ofensiva militar na zona, polo que pediron unha suspensión da orde.
Moreno Ocampo abriu en 2005 o caso contra Al Bashir, acusado de crimes de guerra e de lesa humanidade (mais non de xenocidio, se ben o martes vindeiro pedirase a posibilidade de apelar), logo de llo remitir o Consello. En 2008 pediu o seu arresto e o de dous dos seus máis estreitos colaboradores por "asasinatos, exterminacións, torturas, traslados forzados, violacións, ataques contra civís e saqueos".
"Xustiza de brancos"
No entanto o TPI, o único tribunal permanente con competencia para xulgar este tipo de casos e os de xenocidio que ocorran despois do 1 de xullo de 2002, recibiu algunhas críticas por un suposto dobre discurso e por alentar unha "xustiza de brancos". Ademais do de Sudán, Moreno Ocampo traballa en casos sobre o Congo, a República Centroafricana e Uganda.
Os EUA, Rusia, China, Israel e todos os estados árabes, agás Xordania, rexeitaron formar parte do Estatuto de Roma de 1998 que estabelecía a constitución do TPI. Son moitos os casos que fican fóra da súa xurisdición, tal como a invasión e posterior ocupación de Iraq e Afganistán, ou o xenocidio en Palestina.
O goberno de George W Bush, admirado en Sudán, abstívose no Consello de Seguridade en abril de 2005 cando se tratou o caso de Darfur. Está por ver a nova postura da Administración Obama ao respecto da xustiza internacional.
"Conspiración contra o país", di Al Bashir
O que si xa reaccionou foi o presidente sudanés. Al Bashir considera que a orde de arresto forma parte dunha conspiración contra o país e unha nova forma de colonialismo que procura controlar os recursos de Sudán, informan as axencias internacionais. Polo tanto, o seu goberno actuará "de xeito responsábel e firme" con calquera que pretenda desestabilizar a situación.
Polo menos dez organización humanitarias con presenza no territorio, incluídas Oxfam, Care International, Save the Children e Action Contre la Faim, foron rapidamente expulsadas, polo que millóns de persoas ficarán sen axuda en Darfur. Moreno Ocampo, porén, confía en que se deteña o líder sudanés.
"Agora hai dous pasos. Primeiro é o goberno de Sudán o que ten a responsabilidade. Se non o fai, o Consello de Seguridade ten a autoridade para obrigarlle a arrestalo. Por outra banda, en canto voe en ceos internacionais, o seu avión pode ser interceptado", afirma o fiscal xeral do TPI.