Son do sector da automoción e da construción. O primeiro detido neste caso foi un traballador de Comisións Obreiras.
O primeiro detido traballaba para CCOO en Compostela
A Brigada de Estranxeiría da Policía española na Coruña segue a investigar sobre a trama de tráfico de inmigrantes marroquís, aos que se lles cobraba por darlles emprego en empresas galegas. A pasada cuarta feira detiveron un traballador do Centro de Información para Traballadores Estranxeiros de Comisións Obreiras (CITE), en Compostela, e arestora a ollada está posta en varias empresas da comarca.
Esta quinta feira practicáronse dúas novas detencións. Os arrestados foron dous empresarios composteláns, un pertencente ao sector da automoción e o outro do sector da construción. A policía está a procurar documentación que sirva para estabelecer unha relación laboral contractual entre os inmigrantes que, supostamente, terían pagado importantes sumas de diñeiro -entre tres mil e sete mil euros, segundo conta o xornal La Voz de Galicia-, para conseguir un traballo no noso país.
Na cuarta feira, o secretario de Inmigración de CCOO, Melchor Roel, sinalaba que o sindicato vaise presentar como acusación particular neste caso, ao tempo que deixaba claro que, en todo caso, a central non ten que ver con esta situación, senón un traballador en particular, mais que aínda nada foi demostrado. Neste sentido, apelaron á presunción de inocencia, e lamentaron o caso.