Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
COPA DA UEFA

O Deportivo desperta do seu soño europeo

O equipo coruñés non conseguiu remontar o tres a cero en contra do partido de ida e rematou perdendo contra un Aalbrog superior de cara ao gol.

Redacción - 10:01 27/02/2009
Imaxe do partido

Imaxe do partido

A afección do Deportivo respondeu á chamada do seu equipo e acudiu en masa a Riazor a apoiar aos seus xogadores, que enfrontaban a difícil tarefa de remontar un marcador de tres goles a cero fronte ao Aalborg. Os vinte mil afeccionados que había no campo coruñés acudiron á chamada de Miguel Ángel Lotina, que tamén cumpriu sacando unha formación ofensiva con só tres defensas.

O equipo empurrou durante os primeiros minutos, creando varias ocasións claras que non remataron en gol. O equipo comezaba a baixar a súa intensidade cando chegou o gol de Sergio, de rebote, nunha acción máis propia do billar americano que do fútbol. Riazor comezou a crer na vitoria e a afección inchou o peito para berrar e partillar co seu equipo a sensación que, de súpeto, correu polas bancadas do estadio: a remontada era posíbel. Inchou o peito a afección, máis só serviu para que resoaran máis as tres labazadas que asestaron os daneses en menos de cinco minutos, á porta do descanso, para sentenciar así a eliminatoria.

A segunda parte foi tediosa e ofreceunos unha mostra máis do maior activo que conserva o Deportivo en tempos de crise como os que vivimos, unha afección sinceramente entregada. Malia o seis a un global que rexistraba a eliminatoria, Riazor seguiu apoiando sen reprocharlle moito aos seus xogadores a clara derrota. En realidade non había moito que reprocharlle a un equipo que seguramente chegou até onde puido, ilustrando aquela frase feita que di "querer e non poder". Para rematar con outro petisco da fraseoloxía popular, o epitafio do paso do Deportivo pola Copa da Uefa pon, en letras cincentas: de onde non hai non se pode sacar.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: