O equipo coruñés enfrontarase ao equipo co que fixo o seu estreo nas competicións europeas hai xa máis de 15 anos.
O Deportivo enfrontarase nos dezaseisavos de final da Copa da Uefa ao Aalborg danés, equipo contra o que fixera o seu estreo europeo na tempada 93-94, adestrados naquela altura por Arsenio Iglesias. O partido de ida xogarase o 18 ou 19 de febreiro, en Dinamarca, e a volta será o 26 do mesmo mes na Coruña.
Naquela eliminatoria o mítico Superdépor tamén comezara en terras danesas, e fíxoo cunha derrota debida en parte ás ausencias de Mauro Silva e Bebeto. Na volta, empurrados pola súa afección, os coruñeses non deron opción aos escandinavos e inflinxíronlles un severo cinco a cero, con tres goles de Bebeto e dous de Claudio Barragán.
Pasaron moitos anos pero o Dépor mantén o seu papel de favorito nesta eliminatoria. No caso de facer bos os prognósticos, os homes de Miguel Ángel Lotina xogarán na seguinte fase contra o vencedor do enfrontamento entre FC Copenhague e Manchester City.