O Executivo vetou unha decisión do Tribunal Supremo, que hai un mes ditou a súa difusión polo "interese público" destas.
O goberno británico decidiu vetar a difusión das actas dos consellos de ministros de marzo de 2003, nas que se decidiu a implicación do Reino Unido na invasión do Iraq. A decisión é contraria á do Tribunal de Información (equivalente ao Tribunal Supremo na lexislación española) que hai un mes ditou a súa publicación debido ao "interese público" dos debates.
O titular de Xustiza, Jack Straw, anunciou este martes no Parlamento unha resolución para a que empregou os mesmos argumentos de "interese público", argumentando que non provocaría "ningún beneficio". Por vez primeira, o Executivo fai uso do veto ao que ten dereito segundo a Lei de Liberdade de Información, promulgada en 2005.
A inédita decisión vai provocar un severo debate en Reino Unido, posto que o Goberno non tentou nin sequera a vía da apelación ao Alto Tribunal para lle pór fin a unha prolongada batalla legal promovida por grupos que reclaman o dereito a coñecer as conversas do Executivo de Tony Blair, que decidiu apoiar os Estados Unidos na invasión do Iraq.
Segundo explicou Straw na Cámara dos Comúns, revelar os contidos das reunións organizadas entre o 13 e o 17 de marzo, para discutir a legalidade internacional da operación, suporía "potenciais danos serios" para o Goberno e non xeraría "ningún beneficio para o interese público".