Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
CRISE DE CREDIBILIDADE

Medios alemáns reproducen da Wikipedia o nome falso dun ministro

A incorrección introducida a mantenta na enciclopedia libre atopou xustificación nas publicacións que usaron a propia Wikipedia como fonte, sen contrastala.

Redacción - 12:00 24/02/2009

O uso da Wikipedia por parte dos medios de comunicación e a influencia da enciclopedia libre na Sociedade da Información entraron a debate en Alemaña. Coincidindo co nomeamento do novo ministro de Asuntos Económicos, Karl-Theodor zu Guttenberg, alguén modificou o seu nome na Wikipedia, o que fixo que moitos medios tomasen o dato desa fonte, sen contrastalo.

O certo é que Guttenberg ten orixes nobres, polo que ten moitos nomes. Concretamente, chámase Karl Theodor Maria Nikolaus Johann Jacob Philipp Franz Joseph Sylvester Freiherr von und zu Guttenberg. Cando se soubo que ía ser nomeado, alguén decidiu que o futuro ministro non tiña nomes de abondo, así que editou o artigo da Wikipedia e engadiulle "Wilhelm", entre "Philipp" e "Franz".

Cando se fixo oficial o nomeamento, moitos medios de comunicación tomaron por certo o nome completo que aparecía na Wikipedia alemá, que, por certo, é a segunda en número de artigos, só por detrás da inglesa. Entón, un wikipedista decatouse da modificación do artigo e reverteuno ao nome anterior, indicando que era preciso xustificar ese nome engadido mediante algunha proba documental.

O círculo vicioso pechouse cando a persoa que fixera a modificación xustificou o cambio polo feito de que varios medios, como spiegel.de, Bild, heute.de, TAZ ou o Süddeutsche Zeitung reproduciron ese nome. Deste xeito, un feito falso creado na Wikipedia atopou xustificación usando como proba un medio que usou a propia enciclopedia como fonte. Afortunadamente, xa se corrixiu o erro.


3,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: