Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
‘CORTAPEGOU’ UN TEXTO SOBRE A EXPERIENCIA ‘DÉJÀ VU’

A axencia Efe despide unha xornalista por plaxiar un artigo da Wikipedia

A copia de varias frases e parágrafos dunha entrada da Wikipedia en castelán custoulle o posto de traballo a unha xornalista da axencia de noticias Efe. A periodista escribiu no pasado mes de decembro unha reportaxe sobre o fenómeno ‘déjà vu’ que foi publicado polo xornal colombiano El Tiempo. No traballo reproducíanse case literalmente varias liñas sobre a experiencia obtidas do correspondente artigo da famosa enciclopedia. Grazas ás queixas de varios lectores pouco tardaron os responsábeis do medio latino en descubrir o plaxio. Foi entón cando lle pediron explicacións á central da axencia Efe en Madrid, que optou por anunciar o despido da traballadora.

- 16:16 05/02/2007
Tags:

A decisión tomada por Efe non ten precedentes e mesmo Álex Grimeljo, presidente da axencia pediu desculpas. "Síntome desolado polo tremendo erro profesional cometido. Este feito é contrario a toda ética profesional, non só por non citar a procedencia da información, senón tamén por acudir a unha fonte pouco fiábel para un xornalista", asegurou Grimeljo nunhas declaracións recollidas por El Confidencial.

Segundo informa o xornal afectado polo plaxio, un dos parágrafos da noticia enviada por Efe dicía: "En Matrix a explicación do ‘déjà vu’ é por un fallo perceptíbel na programación do sistema informático ao que está sometida a poboación, que sucede cando alguén realiza modificacións co nivel de superusuario".

Na versión orixinal na Wikipedia pódese ler: "Na película Matrix o déjà vu é un fallo perceptíbel na programación do sistema que sucede cando alguén realiza modificacións co nivel de superusuario".


0/5 (0 votos)