Thunderbird, Sunbird e Seamonkey súmanse a Firefox e Songbird como programas traducidos á nosa lingua, aínda que en fase de proba.
Mancomún anunciou que se completou a tradución das principais aplicacións impulsadas pola Fundación Mozilla. Deste xeito, ao navegador Firefox súmanselle o xestor de correo Thunderbird, a axenda Sunbird e a suite Seamonkey. Así, a iniciativa pública complementa a iniciativa voluntaria que xa traduciu o reprodutor de audio Songbird.
Dende agora, a cidadanía poderá dispoñer de versións na nosa lingua e actualizadas destas aplicacións nos principais sistemas operativos e nas súas adaptacións, como os desenvolvementos de Firefox para Mac (Camino) ou para dispositivos móbiles (Fennec).
Porén, as traducións atópanse aínda en fase beta, como acontecera nun primeiro momento coa de Firefox 3. A Fundación Mozilla somete a un período de avaliación os novos idiomas engadidos, como xeito de certificar a súa calidade e o seu correcto funcionamento. Todo o proceso de localización levou até oito meses de traballo.
O proceso de localización ao galego dos produtos de Mozilla levaba cinco anos bloquedo, até a intervención da Consellaría de Innovación e Industria. En canto se complete a integración das traducións nos repositorios oficiais da Fundación, a comunidade seguirá a traballar no mantemento da localización.