No Estado Español existe o documento de instrucións previas dende 2002. En Galiza entrou en vigor un rexistro este ano, mais, nos seus programas electorais, os partidos deixaron esta cuestión un bocado de lado.
A raíz da situación que viviu a familia da muller italiana Eluana Englaro nos últimos meses da súa vida, o debate sobre o testamento vital volveu a diversos foros. Este caso foi significativo, non por ter a ver coa eutanasia activa, porque nin sequera este debate se chegou a dar -ou só se deu dun xeito solapado, sobre todo en Italia-, senón porque se puxo en causa a suspensión dun medio desproporcionado de tratamento, o que se deu en chamar nalgúns medios, a eutanasia pasiva.
A existencia dun testamento vital -documento con instrucións sobre os tratamentos que a persoa acepta ou recusa recibir cando estea no fin da vida e incapacitada para expresar a súa vontade- tería axudado a resolver, en grande medida, este problema.
En Portugal o último que decide é o médico
A polémica chegou tamén a Portugal, onde o testamento vital aínda non está regulado. Así o sinalou esta semana o presidente da Associação Portuguesa de Bioética (APB), Rui Nunes, para quen este non é o momento certo para lanzar o debate sobre a eutanasia.
Para Nunes, a prioridade é avanzar na posibilidade de que a persoa doente deixe expresa a vontade de non ser sometida a tratamentos fútiles ou desproporcionados que lle prolonguen artificialmente a vida. No Estado Español é posíbel elaborar o documento de instrucións previas dende 2002, mais en Portugal aínda non existe a opción de deixar as instrucións escritas nun documento que poida servir de orientación, caso de que a persoa estea incapacitada; aínda que o paciente fale cos seus familiares dos seus desexos, a última palabra é do médico. Hai máis de dous anos que a APB presentou unha proposta de proxecto de lei para a creación deste documento, pero terminou por ficar nunha gabeta agardando por "unha oportunidade política e social", segundo sinalou o seu presidente. Porén, segundo Nunes agora chegou esa oportunidade, e a APB vai retomar a proposta e reclamar a súa concreción o vindeiro verán, cando a lexislatura actual estea terminando. O que si existe en Portugal é a emisión da "orde de non reanimar", que se aplica cando a reanimación dun enfermo terminal se considera desproporcionada, porén, ao non haber consenso entre os distintos servizos médicos, as prácticas nas que se acode a esta lei son moi dispares.
Cal a situación en Galiza?
En Galiza este primeiro paso xa se deu -hai só uns días que comezou a funcionar o Rexistro Galego de Instrucións Previas-, mais nin no noso país nin no Estado Español se chegou a desenvolver, abertamente, o debate político sobre a eutanasia. De feito, o presidente do goberno español, dicía aínda non hai moito no programa de TVE, Tengo una pregunta para usted (Teño unha pregunta para vostede), que non ten pensado poñerse a lexislar sobre a eutanasia nestes catro anos.
A comezos de febreiro deste ano entraba en vigor o decreto 259/2007, de 13 de decembro, polo que se creaba, por primeira vez na historia do noso país, o Rexistro Galego de Instrucións Previas sobre coidados de tratamento e saúde. O rexistro recollerá os testamentos vitais das persoas que así o requiran, é dicir, o documento no que unha persoa maior de idade, manifesta libremente a súa vontade anticipada, para que se cumpra en situacións nas que non poida expresala persoalmente, en relación cos coidados da súa saúde ou, unha vez falecida, sobre o destino do seu corpo e órganos. Alén diso, o interesado deberá designar un representante, para que, chegado o caso, actúe como interlocutor seu co médico ou co equipo sanitario, para que se cumpran as súas instrucións previas.
A creación do rexistro vai encamiñada a garantir a eficacia dos testamentos vitais dos pacientes, mais para iso é preciso inscribirse, de xeito voluntario. No caso de non facelo, hai que saber que tamén existe a posibilidade de elaborar un testamento vital validamente constituído -ante notario, sen necesidade de ter testemuñas; ou ben ante tres testemuñas maiores de idade, das que dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco até o segundo grao nin estar vinculados por relación patrimonial co paciente-, que gozará do mesmo valor que o documento inscrito no novo rexistro, e que poderá substituír a este se se elabora posteriormente. Porén, as funcións do rexistro son substituír ou revogar os documentos inscritos polos novos que poidan aparecer, facilitarlle os documentos aos profesionais sanitarios e a outras persoas autorizadas ou expedir certificacións e copias.
É un decreto que chega cun pouco de atraso, xa que se trata da regulamentación dun aspecto ben importante, que algúns dos partidos políticos que concorren a estas eleccións recollen nos seus programas electorais, na área de saúde.
Os dereitos e garantías dos doentes terminais nos programas electorais
Galiza aínda vai á cola no que se refire á lexislación sobre os dereitos e garantías das persoas que se atopan ás portas da morte. De feito, noutras comunidades do Estado Español este tipo de lexislación está a debate ou xa comezou a súa tramitación, como en Andalucía, onde o goberno do PSOE aprobou, a finais do ano pasado, un proxecto de lei que garantirá "o dereito aos enfermos terminais de recibir coidados paliativos, a rexeitar e a interromper o seu tratamento, a estar acompañado pola súa familia en todo momento no proceso e á intimidade persoal cun cuarto individual durante a súa estancia no centro médico" entre outros aspectos.
Porén, en canto á lexislación estatal neste eido quedou paralizada por obra do PSOE, que votou, na Comisión de Xustiza do Congreso, en contra da proposta de IU-ICV de crear unha subcomisión de estudo sobre o dereito "á dispoñer da propia vida", na que se referían ao estudo do dereito a unha morte digna. Esta proposta debía ser apoiada por dous ou máis grupos, e no seu día IU pactouna co PSOE, porén, finalmente o partido no goberno retractouse ao rexeitala a comezos deste mes.
As promesas para cubrir un baleiro legal
Non coa mesma denominación, mais o PSdeG recolle no seu programa para as vindeiras eleccións do 1 de marzo a promesa de "fomentar os programas de atención ao paciente terminal, orientados a garantir unha vida digna até o instante da morte". Non se especifica con que medios nin de que xeito se van promover estes programas, e fálase de "vida" e non de "morte digna", algo que é de destacar, aínda cando hai nada o actual conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, sinaláballe aos medios de comunicación que a vontade dos socialistas de Galiza está ligada á postura proclamada por Zapatero. Unhas liñas por diante, o programa do PSdeG acrecenta que promoverán "a oferta asistencial hospitalaria e domiciliaria dos coidados paliativos en resposta ás necesidades físicas e emocionais destes pacientes e dos seus familiares".
Polo seu lado, o BNG fala da necesidade de "crecemento nalgunhas Unidades, como as de Coidados Paliativos", e, moi por riba e de xeito moi esquemático falan da xestión por procesos, que, segundo sinalan, estará "sempre centrada" na "atención ao/á paciente e actuando con respecto á vontade do/a doente".
Porén, no programa do PPdeG, ademais de ser o máis amplo nesta liña, hai un apartado específico relacionado co testamento vital. Após uns parágrafos dedicados a falar do que denominan "Plan de Coidados Paliativos", nos que falan da creación dunha rede de recursos para prestar unha atención integral aos pacientes con enfermidades en fase terminal, prometen a "creación da oficina de elaboración do testamento vital en todos os centros hospitalarios", alén de afondar na necesidade de darlle forza ao rexistro de instrucións previas para que sexa "homologábel e compatíbel cos rexistros doutras Comunidades Autónomas, co rexistro estatal e coas directrices da Unión Europea". Ademais, recollen unha "terceira vía" para formalizar o documento, que será ante a "Consellaría de Sanidade, de balde" e poderá facelo a persoa interesada. Unha última frase afonda na necesidade de facer máis complexo e elaborado este documento: "Incluirase, así mesmo, a posibilidade de que o cidadán estabeleza as especificacións de respecto a valores, calidade de vida e proxecto vital".
O resto de partidos non mencionan, especificamente, os coidados paliativos ou o documento de instrucións previas nos apartados de Saúde dos seus programas.