Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Beizón a Chávez no referendo

Desta volta Venezuela votou "si" á reelección de cargos

Con apenas o 5% do escrutinio por rematar, o "si" mantiña vantaxe de máis de dez puntos.

Redacción - 08:00 16/02/2009

"Vitoria popular!", declarou o presidente de Venezuela, Hugo Chávez, na súa intervención pública logo de coñecérense os datos feitos públicos polo Consello Nacional Electoral (CNE). Segundo o boletín difundido polo CNE con algo máis do 94% do reconto realizado, o "Si" sumaba o 54,3% do total, máis de seis millóns de votos, mentres o "Non" quedaba no 45,6%, algo máis de cinco millóns de apoios. Segundo o mesmo avance, a abstención quedaría no 32,95%.

Desde xeito sairía adiante a emenda constitucional, modificará cinco artigos, que permitirá que o xefe de Estado e outros cargos de designación popular poidan presentarse á reelección cantas veces queiran. Na actualidade, a Constitución fixaba en Venezuela un límite de dous períodos presidenciais consecutivos, motivo polo cal o actual presidente debería deixar o cargo en 2012 de non saír adiante este proxecto de reforma.

"Gañou a verdade contra a mentira e gañou a dignidade da patria", expuxo Chávez na súa comparecencia desde o Palacio de Miraflores, fronte ao cal milleiros de simpatizantes se reuniron para celebrar os resultados. "Impúxose unha clara maioría e abrimos de par en par as portas do futuro", engadiu o presidente venezolano. "Tamén é unha vitoria dos que votaron polo Non", dixo Chávez, "aínda que eles non o acepten nin o entendan, é unha vitoria de Venezuela, e eles son parte de Venezuela".

Diversos dirixentes opositores aceptaron xa os resultados durante as súas intervencións públicas. Así por exemplo, Omar Barboza, da formación Un Nuevo Tiempo, admitiu a derrota do "Non" malia acusar que a votación estivo "influenciada polo ventaxismo" e asegurar que competiran "en condicións desiguais". Por outro lado, Ismael García, do partido Podemos, subliñou que os partidarios do Non puidesen superar os cinco millóns de votos e asegurou que os opositores a Chávez se esforzarán agora en expoñer o seu "proxecto de país".

Na prensa de Venezuela:


3,45/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: