O pasado martes un satélite militar ruso en desuso bateu cun satélite de comunicacións estadounidense, quedando os dous desfeitos
Imaxe da terra tomada dende o espazo / Foto: ESA
O pasado martes produciuse un accidente pouco usual cando chocaron a 780 quilómetros da terra dous satélites, que quedaron destruídos provocando cadansúa nube de refugallos. No accidente bateron un satélite comercial estadounidense fabricado pola empresa Iridium (Iridium-33) contra un satélite militar ruso (Kosmos-2251) posto en órbita no 1993, que non era usado dende o 1995.
Trátase dun accidente moi raro e pouco frecuente, que destruíu as dúas instalacións e está considerado un dos primeiros accidentes deste tipo rexistrado no espazo, xa que até o momento só se rexistraran incidentes menores, segundo informou o tenente coronel da forza aérea estadounidense, Les Kodlick. Os satélites movíanse en traxectorias case perpendiculares cando bateron deixando como resultado unha nube de refugallos que, segundo os expertos, pasarán anos en órbita antes de precipitarse cara a terra por mor do efecto da gravidade.
Pola súa parte, a empresa estadounidense, que ten 66 satélites circulando polo espacio adiante, indicou que non vai tardar en tomar as medidas necesarias para substituír o satélite perdido. Ademais, tamén comunicou que a perda do Iridim-33 podería producir unha "perturbación moi limitada" das súas comunicacións.