Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEMORIA HISTÓRICA

Os ourensáns dispoñen dun buscador en rede dos seus represaliados

Os profesores universitarios Xesús de Juana e Xulio Prada encárganse de actualizar unha web cos resultados das súas investigacións.

Isabel G. Couso - 13:45 10/02/2009

Poñer a disposición dos cidadáns os resultados das súas investigacións históricas. Este foi o obxectivo de Xesús de Juana e Xulio Prada, profesores de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo e na UNED respectivamente, no traballo de elaboración dunha base de datos accesíbel sobre a represión franquista en Ourense. O resultado é unha páxina web que ofrece a posibilidade de indagar sobre a sorte que correron os detidos durante os anos de ditadura.

Segundo nos explica Xesús de Juana este foi un traballo de dous anos. O primeiro adicárono a unha primeira fase centrada no período que vai dende 1936 até 1940 e o segundo á etapa 1940-1945. O máis laborioso foi dixitalizar toda esta información que, por outra parte, xa vira a luz en diferentes publicacións dos dous investigadores que coordinaron o traballo. "Hai moita xente que non ten acceso a estes datos, ben porque non merca os libros nin revistas especializadas, ben porque non sabe da súa existencia", di De Juana.

Agora o acceso é libre e sinxelo. A web permite introducir un nome e apelidos no buscador e a partir dese rexistro ofrece toda a información dispoñíbel, así como o lugar onde poder ampliala. En realidade son catro bases de datos cruzadas: na primeira aparecen o nome, procedencia e delitos dos encausados, así como o tribunal de guerra encargado do caso; na segunda, recóllense todos os detidos en territorio ourensán postos a disposición das autoridades gobernativas e militares non sometidos polos tribunais de guerra; na terceira rexístranse os executados atendendo aos libros do cemiterio de San Francisco; e a cuarta reúne información sobre os asasinatos paralegais dos concellos ourensáns.

"Medrou a inquietude e o interese sobre a represión"
Con traballos coma este estase a constatar a existencia dunha demanda social que antes non existía. "Hai interese en comprobar cal foi o destino de moitos dos nosos familiares no tempo da ditadura", di De Juana, "e esta inquietude medrou a partir da aprobación da Lei de Memoria Histórica. Entre os motivos está a súa utilidade para solicitar indemnizacións, polo que se piden máis partidas de defunción, recoñecementos de vítimas...". Doutra banda, este proxecto aspira á actualización constante dos seus datos: "o obxectivo final é que todas aquelas persoas interesadas poidan encontrar a información pero que tamén, se o desexan, poidan ofrecer os datos dos que dispoñen". Intentarase así encher as lagoas históricas que aínda existen grazas ao testemuño de novas fontes.

A achega da Deputación de Ourense ascendeu a 12 mil euros, unha cantidade coa que o equipo de cinco persoas coordinadas por estes dous profesores puido facer fronte aos gastos derivados do proxecto. Neste sentido, o propio presidente ourensán, Xosé Luis Baltar, asegurou estar orgulloso da contribución da Deputación á iniciativa, subliñando que foi a primeira provincia en facelo sen rancor nin odio.

Para o futuro, a seguinte idea na que xa traballa este grupo é o de introducir os nomes daquelas persoas que foron acusadas de responsabilidades políticas, que non estiveron en prisión, mais viron perigar o seu futuro por mor doutros xeitos de represión máis sutís, como multas ou sancións de todo tipo. O propio De Juana cita algúns exemplos como " a eliminación da cátedra de Otero Pedayo ou multas aos familiares dos paseados mesmo despois do seu fusilamento".


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: