Van xa 96 horas dende a chegada do meirande vendaval rexistrado en 25 anos; maior mesmo que o ciclón Hortensia, que percorreu o país en 1984. Ao parecer, o que o Instituto Meteorolóxico Alemán bautizou como ciclón extratropical Klaus -e a Xunta como cicloxénese explosiva-, que percorreu Galiza e o norte da Península, para morrer no sur de Francia, rexistrou uns refachos de vento que superaron os máximos históricos dos que se ten coñecemento no noso país.
Uns 14 mil fogares seguen sen electricidade
Os efectos de Klaus aínda se notaban na mañá desta terza feira, xa que uns 14 mil fogares de todo o país, repartidos polas comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña, permanecían ser electricidade, segundo sinalaba a Consellaría de Industria.
Destes, máis da metade -uns 7.700-, son clientes de
Unión Fenosa, a meirande parte deles de Ferrolterra. Porén, a compañía prevé restablecer o servizo con electróxenos de baixa tensión de xeito provisional nas zonas afectadas, e abrilo definitivamente "o antes posíbel". Para isto, agardan a chegada duns 150 grupos de aeroxeradores de alta tensión que veñen de Madrid e doutros puntos do Estado Español, que se unirán aos 55 que hai en Galiza. Mentres os operarios da compañía traballan, o seu delegado en Galiza, Luís Díaz, pedía, ante os micrófonos da Radio Galega, que se calmen os ánimos e se lle deixe traballar á empresa: "Na actualidade dependemos demasiado da electricidade, iso é bo, porque demostra un alto nivel de confort, pero cando pasa unha cousa destas, histórica, única excepcional... eu pido que os poderes políticos, os poderes sociais e todo o mundo debe facer unha reflexión e darlle unha oportunidade ás empresas para que poidamos traballar". Luís Díaz tamén deu un dato, para exemplificar as dificultades coas que se atopan o milleiro de operarios da compañía que representa que traballan "día e noite" para restabelecer o servizo: "só na zona de Ferrol caeron seis mil árbores debido ao vendaval, os mesmos que caeron en todo o país ao paso do Hortensia", hai case 25 anos.
Polo seu lado, a compañía
Begasa, da que son clientes a meirande parte dos afectados polo corte da luz de Lugo, aínda non se pronunciou sobre o restabelecemento da subministración eléctrica nas zonas afectadas desta provincia -algúns concellos da Mariña e da Terra Chá.
Son xa catro días sen luz, e coas estradas en mal estado, debido á caída de árbores e postes da luz e do teléfono. De feito, nas últimas horas rexistráronse cortes de tráfico en estradas dos concellos de Ortigueira (Ortegal), Vimianzo (Terra de Soneira), e Burela (A Mariña).
Remiten as nevaradas e os problemas na estradas da metade oriental do país
Neste sentido, a Consellaría de Industria reiterou a súa decisión de abrir unha investigación para esclarecer se as compañías eléctricas actuaron ben ante as desfeitas do temporal no noso país. Arestora, aínda hai 21 centros educativos que permanecen fechados -e varios centos de nenos e nenas sen clase- polas consecuencias do paso do Klaus. Alén disto, cun novo caso dobre en Vilalba (terra Chá), xa son 13 as persoas intoxicadas polo mal funcionamento de xeradores, empregados para paliar a falla de enerxía eléctrica. Por esta causa un matrimonio ancián faleceu na madrugada de domingo para a segunda feira na Parroquia de Castelo, en Cervo (A Mariña).
A outra cara do temporal, a neve que caeu toda a madrugada do domingo e esta segunda feira na metade oriental do país, apenas está a producir problemas na estradas galegas esta terza feira. De mañá era preciso circular con precaución nos accesos a Manzaneda (Terra de Trives), e tamén guiar a modiño nas estradas do municipio de Carballeda de Avia (O Ribeiro). Ademais, na CP-4909, á altura das Somozas (Ferrol), tamén é necesario estremar a precaución por mor do forte vento.
Os seguros só cobren os danos feitos por ventos de menos de 135 quilómetros por hora
Ao parecer, or seguros privados só cobren os danos causados nas propiedades por refachos de vento que acadane entre 90 e 135 quilómetros por hora, sempre que así se contempla nas pólizas. Dado que a pasada sexta feira se rexistraron, en algunhas zonas do país, ventos con velocidades achegadas aos 200 quilómetros por hora, estas pólizas serán remitidas ao Consorcio deCompensación de Seguros. Segundo explicou esta segunda feira o seu director xeral, Ignacio Machetti, cando chegue un informe elaborado pola Axencia de Meteoroloxía que "especificará as zonas nas que o vento superou os 135 km por hora" e que "serán responsabilidade do Consorcio", comezará a tramitación das reclamacións e "a solución ás consecuencias do temporal que correspondan".
Polo seu lado, a Xunta vai aprobar, no seu Consello desta quinta feira,
un decreto de axudas extraordinarias co obxectivo de compensar as perdas causadas polo vento nas infraestruturas públicas, administración, comercio e vivendas particulares.