Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polos danos do temporal

Os sindicatos agrarios piden a apertura dunha liña de indemnizacións para as explotacións

UUAA e o SLG solicitáronlle á Consellaría do Medio Rural a posta en marcha dunha comisión de avaliación que identifique e cuantifique con rapidez os desperfectos das propiedades dos labregos e gandeiros.

Redacción - 12:30 27/01/2009
Os efectos do temporal

Os efectos do temporal

Os sindicatos Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) reclamáronlle á Consellaría do Medio Rural a posta en marcha inmediata dunha comisión de avaliación que identifique e cuantifique os danos producidos polo temporal de choiva e vento da pasada fin de semana nas explotacións agrogandeiras do país.

Unións Agrarias solicitou unha xuntanza con responsábeis da consellaría na que, alén de reclamar unha "acción coordinada e eficiente de Medio Rural para que os afectados nas súas explotacións vexan compensados os danos que puidesen ter sufrido os seus animais, cortes, cultivos, invernadoiros, explotacións forestais, etc", piden que se incorpore ao paquete de axudas "o lucro cesante que sufriron os titulares de explotacións polos graves cortes de subministración eléctrica e telefónica que impediron o mantemento da súa actividade".

Polo seu lado, o Sindicato Labrego, por medio da súa secretaria xeral, Carme Freire, púxose en contacto directo do titular de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, para pedirlle á consellería que desenvolva "inmediatamente unha avaliación de todos os danos sufridos polo sector, iniciando o antes posíbel accións orientadas á compensación económica dos mesmos", nomeadamente "invernadoiros, naves agrícolas e gandeiras así coma a perda da produción ocasionada polos cortes de electricidade e polo peche das estradas" entre outras cousas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: