Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALIZA2009

As listas do PSdeG deixan enxergar futuros reaxustes no poder interno

Aínda que se repiten moitas caras nos postos de saída, algúns cambios revelan claros movementos para controlar a estrutura partidaria. A primeira batalla será na Coruña.

R.Vilar - 12:00 20/01/2009

Continuistas, esta é unha das palabras que máis se poden ler nas crónicas sobre as listas do PSdeG ao Parlamento. E aínda que as mudanzas nas candidaturas non son moitas, o certo é que algúns movementos agoiran unha importante redistribución de forzas a nivel interno.

Na provincia da Coruña todo o mundo daba por feito dende hai semanas o póquer de ases de saída: Mar Barcón, Méndez Romeu, Beatriz Sestayo e Xaquín Leiceaga. Mais os teléfonos comezaron a ferver o pasado venres pola tarde cando comezou a espallarse o nome da número cinco: Silvia Fraga Santos. Con só 31 anos, dez de militancia nas Xuventudes Socialistas e a experiencia de ser concelleira en Cerceda, dá un salto que incluso sorprende entre os seus máis achegados.

Esta última aposta sería difícil de entender sen o apoio expreso de José Manuel Lage. A pesar de figurar no posto número seis, o deputado de Outes, da mesma quinta que Silvia Fraga, é sen dúbida unha peza cada vez máis prezada dentro da maquinaria interna socialista. Nos últimos meses, e co coñecemento de Barcón, multiplicou o seu contacto coas agrupacións locais de toda a provincia para tantear a correlación de forzas internas.

O sétimo, oitavo e noveno postos (todos de teórica saída) están ocupados por tres veteranos: Francisco Cerviño (Oleiros), Marisol Soneira (Vimianzo); e Luís Toxo (Compostela). Agardando unha oportunidade para entrar no Hórreo colócase no número dez María Torres,  outra militante de Xuventudes Socialistas próxima tamén a José Manuel Lage.

Os que máis preocupados deberían estar con estes movementos son os partidarios do presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda. O que fóra un dos máis fieis oficiais do ex alcalde Francisco Vázquez, quere botar un pulso despois das eleccións para converterse en secretario provincial do PSdeG. Para iso conta, en teoría, co apoio dos rexedores. En fronte podería atopar un Lage, cada día máis emerxente, que conta co prace do “aparachitk” da rúa do Pino.


Pontevedra ou os intereses creados
Se nalgún sitio manda Touriño especialmente é en Pontevedra. Demostrouno impoñendo como número dous a María Xosé Caride e fixo tremer as trabes internas postulando inicialmente a Dolores Villarino como tres. Mais esa baza non chegou a recollerse da mesa. Ao alcalde de Vigo Abel Caballero non lle chistaba o máis mínimo a volta de Villarino nas listas. Non tardou en haber conxunción de intereses, as diferentes comarcas vían con preocupación a falta de espazo na candidatura e Modesto Pose (secretario provincial) encargouse de canalizar ese descontento, o que lle acabou valendo o terceiro posto na lista.

Porén, Touriño conta no cuarto lugar cunha conselleira da súa confianza, Carme Gallego, que, por riba, tamén está ben vista polo aparato partidario. A seguinte sorpresa chega no posto número sete. Abel Losada, que en abril do ano pasado renunciou ao escano para se converter en director xeral do Gabinete de Presidencia, quere volver ao Hórreo. Fontes socialistas subliñan que pese a que Touriño está moi satisfeito co seu traballo, Losada podería renunciar ás tarefas de gabinete.

En Lugo pregunten por Varela

O número vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, pilota a nave luguesa cara o Hórreo sen case ningunha turbulencia. No número tres figura un peso pesado que comeza a recoller velas: Ismael Rego. O partido volve confiar nun dos puntas de lanza do “touriñismo” pola súa veteranía e pola importancia do voto da Mariña. Entre un e outro volve figurar Concepción Burgo, parlamentaria que entraría dentro da cota do alcalde López Orozco.

Outra das novidades é a presenza de Sonia Verdes (número catro). Con só 34 anos de idade, esta veterinaria de profesión é un dos referentes socialistas en Vilalba. Logo dela, noutro posto de saída está Tomé Roca, un militante de Monforte estreitamente ligado á UXT e de máxima confianza de Ricardo Varela. O sexto escano polo que pelexa o PSdeG está ocupado por Miguel Anxo Fernández López. Ás portas dos teóricos postos de saída (logo de pelexar pola cuarta praza) queda Loli Rodríguez Amoroso, até o de agora secretaria xeral das Xuventudes Socialistas.

Un dúo ben levado

En Ourense reina o conselleiro “Pachi” Vázquez, coa única oposición da agrupación socialista da capital. El será o encargado de capitanear unha lista na que figura de número dous a Laura Seara. A deputada de Allariz, encargada de defender os temas de Medio Ambiente no Hórreo, conta coa simpatía do conselleiro, experiencia parlamentaria e ten bos contactos en Ferraz.

Logo de Seara figura Pablo López Vidal, representando a cota “urbanita” ourensán socialista. No cuarto posto repite a parlamentaria Carme Acuña. O PSdeG aposta por ela para intentar sacar todos os votos posíbeis en Valdeorras, unha comarca que pode ser clave para as arelas electorais dos socialistas. Os socialistas pelexarán con todas as súas as forzas por unha quinta acta, que lle correspondería á ex concelleira ourensán María Quintás


4,14/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fernández Moreda, na foto entre Touriño e Varela, loita por controlar o aparato partidario coruñés
Fernández Moreda, na foto entre Touriño e Varela, loita por controlar o aparato partidario coruñés
José Manuel Lage, con pouco máis de 30 anos, convértese nunha peza clave dentro do PSdeG da Coruña
José Manuel Lage, con pouco máis de 30 anos, convértese nunha peza clave dentro do PSdeG da Coruña
A veteranía de Ismael Rego, que leva no Parlamento dende 1986, garántelle un posto de saída en Lugo
A veteranía de Ismael Rego, que leva no Parlamento dende 1986, garántelle un posto de saída en Lugo
O número dous do PSdeG, Ricardo Varela, capitanea a circunscrición de Lugo
O número dous do PSdeG, Ricardo Varela, capitanea a circunscrición de Lugo
Os partidarios de Abel Caballero preferían a Losada e non a Villarino no Hórreo
Os partidarios de Abel Caballero preferían a Losada e non a Villarino no Hórreo
Touriño impuxo a María Xosé Caride en Pontevedra
Touriño impuxo a María Xosé Caride en Pontevedra