Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe: International News Safety Institute

Iraq, India e México, os países máis letais para os xornalistas

Un total de 109 profesionais dos medios morreron en 2008, a maioría asasinados, mentres realizaban o seu traballo.

Redacción - 11:35 11/01/2009

Iraq continúa a ser o país onde máis xornalistas morreron durante 2008, cun total de 16. Séguenlle na lista a India e México con 10 cada un. En total, 109 traballadores dos medios finaron en 36 estados do mundo mentres realizaban o seu labor informativo.

A sinistraliedade laboral, mal común a todas as profesións, salienta neste caso porque a maioría das mortes producíronse por asasinato (25 foron a consecuencia de accidentes). Os datos recólleos o International News Safety Institute (INSI) no seu informe anual, que se fixo público esta quinta feira.

No entanto, a cifra é menos negativa que a de hai dous anos, cando se rexistraron 172 pasamentos. O descenso global está inducido principalmente pola baixada no número de mortes en Iraq nos últimos 12 meses, 49 menos ca en 2007. Dende a invasión do país por parte do Exército de Estados Unidos, en 2003, 252 profesionais dos medios, incluídos tradutores e choferes, foron asasinados.

Liberdade de prensa e crime

"Os xornalistas seguen a ser un obxectivo polo que fan en demasiados países", sinalou Rodney Pinder, director do INSI, que pediu a "determinación da comunidade internacional" para lle facer fronte a esta situación. "Sen liberdade de prensa, a corrupción e o crime prenden, eivando o desenvolvemento político e económico de millóns de persoas", engadiu Pinder.

Tres reporteiros morreron violentamente nos primeiros catro días de 2009, dous nun ataque suicida en Paquistán e outro baleado en Somalia.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: