Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A VINDEIRA SEMANA

Touriño reunirase co primeiro ministro portugués para falar do AVE

O obxectivo é fortalecer as políticas de cooperación entre Galiza e Portugal e impulsar o proxecto da alta velocidade.

Redacción - 18:03 08/01/2009

A conexión entre Galiza e Portugal vía AVE "non está parada". Así o asegurou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen rexeitou cualificar as críticas do goberno portugués, que falaban de atrasos no proxecto. Mais ao contrario, o xefe do executivo asegurou que contrastará estas declaracións cos dirixentes portugueses. Así manterá unha xuntanza a vindeira semana co primeiro ministro, José Sócrates, e con varios ministros, como os responsábeis de Ambiente e Territorio e de Obras Públicas.

O propósito deste encontro é o de reforzar as políticas de cooperación, nas que se enmarcan proxectos como a constitución da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal ou a do propio tren de alta velocidade. Ademais, Touriño cualificou a súa relación cos dirixentes portugueses como "boas, tanto no persoal como no político" e considerou esta xuntanza como un paso previo ao Cumio Ibérico, que se celebrará en Zamora o vindeiro día 22.

Estudo informativo en 10 días
Touriño anunciou tamén que en pouco máis dunha semana se publicará no Boletín Oficial do Estado (BOE) o estudo informativo do tramo que comunicará a vila do Porriño e Portugal. Asemade, recordou que xa está en tramitación o que unirá O Porriño e Vigo e garantiu que a conexión entre a cidade olívica e Oporto será inferior a unha hora, malia as dificultades técnicas por mor do cambio de ancho da vía.


Ligazóns

3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: