O encontro pretende fomentar un coñecemento real de Galiza dentro da sociedade portuguesa.
As xornadas Mar por Medio propuxeron na súa 16ª edición unha análise das posibilidades actuais de achegamento entre Galiza e Portugal no eido das industrias culturais e da comunicación. Mar por Medio trata de rachar coa idea rexionalizada e dependente de Galiza que os medios españois difundiron durante décadas en Portugal. Dous países con fortes vencellos históricos, culturais e lingüísticos incuestionábeis. Porén tiveron que ser actuacións de corte económico as que aumentaron o coñecemento da nosa sociedade no país veciño. Así, a creación da euro-rexión formada por Galiza e norte de Portugal e as actuacións derivadas permitiron a certos eidos da sociedade portuguesa ter un coñecemento máis próximo e, á cima de todo, máis fondo do noso país.
Olga Nogueira, coordinadora das xornadas canda a Xavier Campos, destacou que os debates partiron do recoñecemento dunha realidade, "de algo que xa sabiamos os axentes culturais: que por moito que a fronteira non exista, hai pouco coñecemento común entre os dous países". Dende esa base, estas xornadas serviron para comezar a traballar en proxectos conxuntos, e para estabelecer contactos persoais que poden dar os seus froitos nos vindeiros meses.
Nas xornadas tratáronse distintos asuntos, sempre coa vontade de escoitar voces de aquén e de alén do Miño, comparando e poñendo en común realidades e propostas de solución. Por exemplo, o venres falouse a xestión cultural, coa presenza de Miguel Martín, director da AGADIC, e de Helena Gil, directora regional de Cultura do Norte. Miguel Martín e Helena Gil mantiveron despois unha xuntanza para explorar as posibilidades de realizar programacións e proxectos de cooperación dentro dos programas de cooperación existentes, como o Interreg
O sábado foi o tempo dedicado á cultura e aos medios de comunicación, coa intervención na primeira mesa, a dedicada especificamente ao xornalismo, de Suso Iglesias, director da TVG, e dos periodistas portuguesas Domingos de Andrade (Jornal de Notícias) e Inês Nadais (Público). Os xornalistas portugueses recoñeceron que había moito por facer para corrixir a imaxe que os medios de comunicación portugueses ofrecen de Galiza. A visisibilidade das producións culturais galegas é escasa, e case sempre se identifican unicamente como obras 'españolas', case sempre mal recibidas e ligadas a conceptos de 'invasión cultural'. Porén, tamén se salientou que nos últimos tempos a prensa portuguesa, cando recolle unhas declaracións realizadas en galego, comeza a publicalas sen traducilas ao portugués.
Tamén se presentaron distintos proxectos culturais lusogalegos, como Audiência Zero (Pedro Cadima), Cantos na Maré (Vítor Belho) e Correntes d'Escrita (Luis Diamantino), e tamén espazos de produción e eshibición que teñen apostado por programar artistas de ambos os dous países, como o Maus Hábitos do Porto (Daniel Pires) e o Teatro Vila-Flor de Guimarães (José Bastos). Finalmente, a programación cultural e circulación artística entre Galiza e Portugal foi analizada por Vítor Belho, Consultor cultural, Carlos Seixas, Director do Festival Músicas do Mundo de Sines e Xosé Grajal, da Axencia Cultural Muxica. Alén dos debates, Narf e Manecas Costa puxeron a banda sonora musical, cun concerto que o sábado a noite encheu o Auditorio Hernán Naval de Ribadeo.
O domingo ao mediodía celebrouse un encontro profesional entre axentes culturais de ambos os dous países, que segundo Olga Nogueira foi un grande éxito e serviu para estabelecer moitos contactos, "notábase en moitos casos un 'descubrimento recoñecido', xente que non se coñecía en persoa pero que si coñecía as iniciativas creadas por uns e outros", destacou.