Coa súa aprobación este martes, a Xunta consegue dar un primeiro chanzo, mais non o definitivo, cara a harmonizar a protección da especie cos intereses gandeiros.
O Plan de Xestión do Lobo nace 'coxo'
O Consello da Xunta aprobou este martes o Plan de Xestión do Lobo, unha norma presentada pola Consellaría de Medio Ambiente, que ten como finalidade "garantir a viabilidade desta especie, compatibilizando o mantemento dunha poboación de lobo estábel cos intereses de agricultores e gandeiros".
O documento repousa sobre tres patas: o estabelecemento de "medidas preventivas"; a concesión de "liñas de axudas" para paliar os danos causados polo animal; e a posta en marcha de iniciativas para a "posta en valor da especie".
Porén, o plan presenta unha serie de carencias que impiden falar dun instrumento definitivo na consecución do obxectivo marcado, mais si dun primeiro chanzo no camiño que dependerá en boa medida da vontade da Administración á hora de executala positivamente.
Medidas preventivas
Dentro da primeira parte do plan, salienta a delimitación do país en tres zonas en función da súa densidade de poboación. Esta baséase nos últimos estudos realizados, correspondentes ao período comprendido entre 1999 e 2003, e que afirman que en Galiza hai sesenta mandas seguras e oito posíbeis. É dicir, entre 420 e 625 exemplares de lobo en todo o territorio administrativo galego.
Haberá, a partir de agora, programas de seguimento periódicos para obter información da distribución, aspectos poboacionais e, "na medida do posíbel", taxas de natalidade e mortaldade e o tamaño de grupo. Non haberá batidas, "salvo casos excepcionais xustificados", durante a época de reprodución da especie, entre marzo e xullo. E estudarase "a mortaldade por causas non naturais e o efecto barreira das infraestruturas".
Axudas e concienciación social
Respecto ás indemnizacións, o documento recoñece a necesidade de compensar eficazmente os traballadores do rural, co fin de "minimizar a conflitividade xerada polos danos causados polo lobo". Unha das principais críticas que os axentes implicados lle fan a Administración é pola falta de axilidade nos pagos e a cativeza das contías.
A norma incide en medidas xa implementadas en anos anteriores: axudas para a adquisición de mastíns e a colocación de valados electrificados, así como tamén de liñas de bandeiras e o reforzo das instalacións gandeiras.
A terceira pata do Plan de Xestión é o fomento da sensibilidade e da concienciación social sobre o lobo. A súa importancia ecolóxica, a posta en valor do patrimonio cultural e etnográfico a el asociado, ou o seu potencial como reclamo turístico difundiranse entre gandeiros, cazadores e comunidade escolar.
Carencias
Porén, o plan carece dunha cuarta pata que o fai coxear. Por exemplo, non contempla medidas concretas e ben definidas, destinadas a recuperación do hábitat do lobo, algo que segundo os expertos debería ser unha das medidas prioritarias a impulsar pola Xunta co Plano de Xestión.
Ao contrario, é o propio Goberno o que camiña na dirección inversa. Así o manifestaba Félipe Bárcena, un dos pioneiros no estudo do lobo en Galiza, durante as II Xornadas sobre o lobo en Galiza organizadas no Centro de Extensión e Divulgación Ambiental (CEIDA) no mes de novembro.
Bárcena considera que coas súas políticas a Xunta está a estragar o hábitat propicio para o lobo, por exemplo coas rozas e podas, coa proliferación de valos impermeábeis ou coas barreiras de infraestruturas.
Neste senso, apuntou á falla de alimento como a principal ameaza e o perigo fundamental para a conservación do lobo no noso país, relacionadas tamén coa prohibición de botar preas ao monte ou a presión cinexética á que colabora a Administración coa súa falta de vontade.