A consellaría convocou a mesa pública para analizar o borrador esta cuarta feira, en horario laboral, polo que asociacións de voluntarios non puideron asistir.
O conselleiro Manuel Vázquez
A Consellaría de Medio Ambiente anunciou o comezo dos trámites para a aprobación do Decreto do Plan de Xestión do Lobo, logo do consenso acadado na xuntanza da mesa de participación pública desta cuarta feira. O departamento redactará agora o borrador da norma, que deberá ser aprobado polo Consello da Xunta, previo período de alegacións.
Entre as principais modificacións estabelecidas con respecto ao antigo borrador está o feito de que aínda que o lobo segue a ser considerada unha especie cinexética -ao contrario do que pasa noutros lugares como Portugal, que non o é-, só poderá ser cazada en caso de danos reiterados, mediante batidas organizadas pola Xunta e non polos cazadores.
O departamento que dirixe Manuel Vázquez salientou "o visto bo de xeito unánime" dado ao documento, elaborado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, por diversos colectivos "relacionados co medio ambiente e a fauna, a agricultura e a gandaría".
Asociacións ausentes
No entanto, segundo comentou o representante dunha das organizacións presentes nesta xuntanza, "moitas asociacións que traballan con voluntarios non puideron asistir porque ás 12.00 horas a xente está traballando".
Segundo informara a consellaría con anterioridade, todos os colectivos que presentaron alegacións o antigo proxecto estaban convocados a esta reunión. Finalmente, ademais das direccións xerais de Conservación da Natureza (Medio Ambiente) e de Montes (Medio Rural), estiveron presentes as asociacións Ovica, Unitega, Feplac Galicia, Asovega, Unións Agrarias, Amigos da Terra, Adega, Federación Galega de Caza e USC.