Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN

A educación mediática, novo desafío do Europarlamento

A eurodeputada Christa Prets afirma que é preciso instruír a poboación fronte aos medios de comunicación e a internet para aumentar a súa consciencia crítica.

Redacción - 11:30 21/12/2008

A eurodeputada austríaca Christa Prets explica, nunha entrevista na web do Europarlamento, a importancia que ten levar a cabo un programa de alfabetización mediática. Segundo afirma, constitúe un elemento importante da cultura política e da participación activa da cidadanía, e axuda as persoas a fortalecer a súa conduta e a consciencia de dereitos e deberes.

Define esta alfabetización como "a capacidade de utilizar autonomamente os diversos medios de comunicación social, comprender e avaliar de modo crítico" os seus contidos. Recoñece que os medios posibilitan "o desenvolvemento da democracia", pero tamén "comportan o risco dunha maior manipulación". Por iso, considera importante financiar a educación infantil para o uso da internet.

"Sobre todo entre a mocidade, a rede é utilizada como a primeira e principal fonte de información". Prets di que "na maioría dos casos, os usuarios saben que as información deben ser confrontadas con outras fontes". Pero a meirande parte dos coñecementos sobre a rede son transmitidas por amigos, menos polos pais e case nunca pola escola, que teñen "un papel fundamental na creación de competencias comunicativas e críticas". Por iso "a educación mediática é unha condición esencial para a alfabetización mediática".

Outros dos aspectos sobre os que é necesario incidir son os datos persoais introducidos na internet: "Todos os usuarios deben ter consciencia de que todas as informacións fornecidas en redes sociais son públicas e poden ser consultadas por calquera persoa". A educación mediática "tamén debe sensibilizar sobre esta cuestión".

Para acadar estes obxectivos, a europarlamentaria propón que a "educación mediática forme parte da educación formal á que todas as crianzas teñen acceso, así como dos planos curriculares de todos os niveis de ensino". O Parlamento Europeo recomenda, ademais, que esa educación continúe ao longo da vida e se estimule en poboacións menos novas, polo que propón introducir módulos de pedagoxía mediática na formación do profesorado.

Tamén xogan un papel importante nesta alfabetización "ademais dos políticos, xornalistas, xornais, radios e canais televisivos, as pequenas entidades locais como as bibliotecas, os centros de educación de adultos, os centros culturais e de información, os estabelecementos de educación e de formación profesional", engade Christa Prets, quen avoga polo recoñecemento da importancia da educación e da alfabetización mediáticas.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: