Deberase lexislar, non en base á nosa experiencia nas etapas educativas polas que pasamos, senón con vistas ao presente e ao futuro das nosas sociedades, ofrecendo a toda a cidadanía uns coñecementos culturais básicos e imprescindibles para que poda desenvolverse dende unha actitude crítica e constructiva nun mundo que avanza e cambia a unha velocidade vertixinosa. Un artigo de María Loureiro.
Chegou a reforma
O Ministerio de Educación e Ciencia iniciou hai uns meses o debate sobre a reforma educativa. Unha lei educativa, neso estamos de acordo todos e todas, non pode cambiar en función da ideoloxía do goberno que ten o poder de lexislala, senón que debe ser unha lei sólida e que teña unha visión de futuro.
Deberase lexislar, non en base á nosa experiencia nas etapas educativas polas que pasamos, senón con vistas ao presente e ao futuro das nosas sociedades, ofrecendo a toda a cidadanía uns coñecementos culturais básicos e imprescindibles para que poda desenvolverse dende unha actitude crítica e constructiva nun mundo que avanza e cambia a unha velocidade vertixinosa. O Sistema Educativo debe anticiparse ás necesidades formativas dos cidadáns e cidadás do futuro, e non ir en continuo retraso respecto ao desenvolvemento cultural, económico e social da sociedade na que está inmerso.
Unha lei educativa do Estado, debe ofrecer unhas directrices básicas e comúns, que aseguren uns mínimos imprescindibles, pero debe ser suficientemente flexible para que cada Comunidade Autónoma, cada centro, cada departamento e cada profesor ou profesora poda contextualizar o proceso de ensinanza- aprendizaxe ao entorno do alumnado. Para acadar os mesmos obxectivos non se educa igual en Almería que en Pontevedra, non se educa igual na cidade que no rural, non se educa igual nun centro grande que nun centro pequeno, ou non se educa igual a un grupo de 30 estudiantes que a un grupo de 15. Galicia terá moito que dicir respecto á educación que quere para todos os galegos e galegas.
Que currículo?
Se queremos flexibilidade, o currículo da Educación Primaria e o da Educación Secundaria deberá establecerse a partir dunha visión transversal e interdisciplinaria, e deberá organizarse en base ás capacidades e competencias básicas que ten que adquirir o alumnado ao rematar esta etapa educativa. Estas capacidades e competencias, algunhas valoradas recentemente no informe PISA, non se adquiren dende materias pechadas e estancas, senón que tódalas áreas contribúen de forma conxunta e complementaria a que o alumnado as adquira.
Nas etapas obrigatorias, os e as estudiantes deben desenvolverse fundamentalmente coas materias instrumentais (lingua e matemáticas) e adquirir unha cultura xeral global que necesita calquera persoa que viva no século XXI, en tódalas súas facetas: artística, científica, tecnolóxica e humanística. O currículo das etapas obrigatorias debe ser equilibrado en tódolos ámbitos do coñecemento, e débese evitar nestas etapas una excesiva parcelación e especialización dos contidos, pois haberá que preparar aos nosos alumnos e alumnas para que se desenvolvan correctamente nun mundo cada vez máis globalizado e pluricultural.
O equilibrio, a transversalidade e a interdisciplinariedade son esenciais se o que necesitamos é a formación dunha cidadanía culta, capaz de aprender ao longo de toda a vida, dotada de valores sólidos, crítica e competente para intervir activamente nunha sociedade democrática con vontade de transformala.
A tecnoloxía como cultura?
En moi pouco tempo, pasamos de alumear as nosas casas con velas e candís a utilizar, xa non só as computadoras, senón automóbiles e avións, radios e televisores con pantalla plana, discos de música en formato mp3 e películas en DVD, miles de electrodomésticos eléctricos, teléfonos celulares cada vez máis pequenos, sen esquecernos dos simples bolígrafos, dos novos materiais, dos edificios cada vez máis altos, ou das novas formas de producción de enerxía eléctrica ou os robots. Cambiamos os cartos en metálico polas tarxetas magnéticas, a chave da habitación do hotel agora é de plástico, trocamos a carta e o selo polo e-mail, persoas que vivimos a moitos quilómetros de distancia facemos reunións virtuais en foros e chats, buscamos información en internet en canto de na biblioteca, ... ¿E cal será a seguinte revolución tecnolóxica? ¿a que chamaremos novas tecnoloxías dentro duns anos? ¿En que mundo viviremos dentro dunha década? ¿e de dúas? ¿e de dez?
Nesta era, a estructura e as relacións sociais, así como o desenvolvemento científico e a creación artística susténtanse e articúlanse gracias a un entramado tecnolóxico imprescindible (procesos, instrumentos, máquinas, estructuras, instalacións, comunicacións, etc..). A tecnoloxía está tomando un papel moi importante nas nosas vidas, vivimos nun mundo artificial, que incide e interfire en tódalas nosas accións individuais e colectivas.
Debemos concibir a tecnoloxía como parte esencial na nosa cultura, primeiro, porque é o nacemento da tecnoloxía o que nos define como seres humanos, e segundo, porque debemos coñecela para poder actuar neste medio de forma crítica y constructiva. Non poden ser coñecementos accesibles a un pequeno sector determinado da poboación, pois necesitamos que toda a cidadanía poda desenvolverse correctamente neste envoltorio tecnolóxico, e que poda participar na valoración dos problemas e das políticas científico- tecnolóxicas actuais, sen que estas se conciban como algo alleo á humanidade.
¿Podemos reducir a alfabetización tecnolóxica a aprender a utilizar un ordenador? Non cometamos este erro, porque o entorno tecnolóxico que nos rodea é moito máis que iso. O desenvolvemento tecnolóxico non é unicamente o desenvolvemento da informática. Os computadores cambiaron as nosas vidas, pero tamén nola cambiou no seu momento, por exemplo, a chegada da electricidade ou a xeneralización do uso do teléfono ou dos automóbiles. Dentro duns anos, os computadores serán algo do máis cotiá, e chegarán novas tecnoloxías que cambien de novo as nosas vidas.
Chegaron os computadores á escola... e agora que?
Non paramos de escoitar continuamente os termos "tecnoloxía", "novas tecnoloxías", "TIC", "informática"... algo relativamente novo meteuse na escola. ¿Que é isto que temos diante? ¿Que facemos con estes trebellos? ¿para que valen? ¿que teñen que aprender os rapaces e rapazas?
En primeiro lugar, e necesario, para falar con propiedade, coñecer o significado dos anteriores termos:
A tecnoloxía é o conxunto de coñecementos e procedementos teóricos e prácticos que, debidamente organizados e sistematizados, satisfacen as necesidades humanas. A tecnoloxía é a transformación da natureza polos homes e mulleres, para resolver problemas e satisfacer as necesidades sociais.
As "novas tecnoloxías" refírense ás tecnoloxías emerxentes. Ademais dos novos sistemas de almacenamento e procesamento da información, ou os novos sistemas de comunicación, son tamén novas tecnoloxías, por exemplo, os novos sistemas de xeración de enerxía eléctrica ou os novos materiais sintéticos. Ademais, polas propias características da tecnoloxía, estas ás que chamamos "novas tecnoloxías" nuns anos son do máis habitual ou incluso quedan desfasadas. Non sempre serán novas.
As TIC, ou Tecnoloxías da Información e da Comunicación, son dúas tecnoloxías, aínda que se complementan intensamente. As TIC defínense como aquelas tecnoloxías que permiten tratar, procesar, transmitir e difundir a información. Non podemos pensar unicamente nos computadores ao referirnos a este termo, pois unha rede de telefonía, ou a televisión dixital tamén son sistemas tecnolóxicos de información e comunicación.
A informática é o tratamento automático e racional da información. É un termo francés que procede da contracción das palabras "INFORmation" e "AutomATIQUE". É a organización automatizada da información. Nos países de fala inglesa utilízase a expresión Computer Science.
A ofimática é a parte da informática encargada da organización automatizada da administración de datos, inicialmente de oficinas. Divídese en tratamento da información (xestión e organización de documentos), operacións con Follas de cálculo, e xestión de Bases de datos.
Polo tanto, introducir a tecnoloxía nas escolas non é o mesmo que introducir as TIC, introducir ordenadores, introducir a informática, ou introducir a ofimática. Soe ser demasiado habitual a confusión entre estes conceptos, que debemos ter claros se queremos realmente unha alfabetización tecnolóxica. ¿Por qué nun xornal galego publicase unha nova sobre os automóbiles de hidróxeno na sección de sociedade cando ten unha sección chamada "tecnoloxía"? ¿Non é unha noticia de tecnoloxía?
Unha vez temos claro isto, poderemos pararnos a pensar no seu papel nas escolas e institutos, e qué é o que os rapaces e rapazas deben aprender.
En primeiro lugar, como se explica ao inicio deste artigo, a tecnoloxía é un dos piares da nosa cultura, xunto coas artes, as ciencias e as humanidades. Cumpre que toda a cidadanía teña uns coñecementos básicos que lle permitan comprender este entorno artificial, as súas características, os seus procesos, a súa evolución, e a súa relación coa ciencia e a sociedade. A área de Tecnoloxía na Educación Secundaria Obrigatoria ten esa finalidade. É unha área interdisciplinar e globalizadora.
Por outra banda, a tecnoloxía está ao servizo das persoas e da sociedade e, por tanto, está aí para que se utilice, para servir ao individuo na súa tarefa, axudándoo a resolver problemas. Así como na escola utilizamos distintos obxectos, instalacións e medios tecnolóxicos como ferramenta, como por exemplo o vídeo, o televisor, a cámara dixital, os bolígrafos, os colchóns do ximnasio, os instrumentos musicais, a calculadora, etc., a computadora tamén o é unha ferramenta útil para aprender. Non é un fin, é un medio.
Para a súa inmersión na sociedade do coñecemento – non da información – é moi importante que os e as estudiantes sexan usuarios e usuarias das TIC, pero non é necesario que teñan grandes coñecementos de informática, pois a información hai que saber entendela, seleccionala, contrastala, asimilala, utilizala, transmitila e creala. Isto non se consigue estudiando informática, senón aprendendo a pensar e a aplicar os coñecementos e habilidades adquiridas en tódalas áreas en calquera contexto e situación.
En lingua aprenderán a escribir cun procesador de textos, en ciencias sociais buscarán información na rede sobre outros países, en ciencias naturais publicarán unha web sobre minerais, en música crearán as súas partituras, en tecnoloxía desmontan un ordenador para mirarlle as tripas, ou controlarán co ordenador o movemento dun pequeno robot que construíron no taller, en mates aprenderán a programar, ou a utilizar unha folla de cálculo, en química construirán moléculas orgánicas nun programa de simulación, tamén lerán na súa caixa de correo electrónico a corrección do último exercicio, falaran con estudiantes doutras escolas a través dun chat, ou dun foro, utilizarán a base de datos da biblioteca para buscar un libro, ... ¿Para qué unha asignatura de informática na ESO se os rapaces e rapazas utilizarán un ordenador durante 10 ou 15 horas semanais noutras áreas?
Por tanto, para unha correcta alfabetización tecnolóxica, débese atender aos seguintes criterios: