Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito no Corno de África

O presidente de Somalia destitúe o primeiro ministro

Considera que fracasou no seu labor de traer seguridade ao país. Cúmprense dúas semanas do secuestro de Xosé Cendón.

Redacción - 12:15 14/12/2008
Yusuf (esquerda) e Nur Adde

Yusuf (esquerda) e Nur Adde

O presidente de Somalia, Abullahi Yusuf, destituíu este domingo o primeiro ministro do país, Nur Adde, xa que considera que fracasou no seu obxectivo de traer seguridade a un país que permanece completamente sumido no caos.

Hassan Hussein Nur Adde ocupou o seu cargo durante un ano, mais o rexeitamento por parte de Yusuf de varias designacións ministeriais levouno a unha disputa co presidente. Ademais, mantiñan diferencias na dirección das negociacións de paz.

Grupos de dereitos humanos calculan que o conflito neste país do Corno de África provocou a morte de máis de 16 mil civís dende que comezase o ano pasado, cando forzas somalís e etíopes aliadas botaron do poder os islamistas.

Xosé Cendón, dúas semanas secuestrado

Neste contexto de caos, que levou ao fenómeno da pirataría, foi secuestrado xa hai dúas semanas o fotógrafo galego Xosé Cendón. A súa familia permanece á espera de recibir máis noticias sobre o seu estado, logo de que a pasada quinta feira o Ministerio español de Asuntos Exteriores lles comunicara que "estaba ben".

A irmá do xornalista, Xulia Cendón, asegurou este domingo que o gabinete de Miguel Ángel Moratinos, co que está en contacto dende que coñeceron a noticia, pediulles "calma" porque "cada secuestro é diferente" e non se pode augurar unha data de liberación.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: